- O proxecto é cofinanciado polo Concello e a Xunta e o seu orzamento é de 100.517,98 euros
- O elevador, que se emprazará na fachada principal, contará con capacidade para nove pasaxeiros
Valga, 20 de xuño de 2020.
O Auditorio Municipal verá mellorada a súa accesibilidade coa instalación dun ascensor exterior que, ademais, reforzará a seguridade do edificio, que conta cunha superficie de 4.300 metros cadrados repartidos en cinco plantas.
O Concello sacou esta semana a contratación as obras de instalación, que contan cun orzamento de 100.517'98 euros e serán cofinanciadas entre o Concello e a Xunta de Galicia. As empresas teñen de prazo ata o día 26 de xuño para presentar ofertas telemáticas a través da Plataforma de Contratos de Galicia.
O proxecto consiste na colocación dun elevador con parede lateral panorámica que irá emprazado na fachada principal do edificio. Trátase dun ascensor de alta eficiencia enerxética que terá cabida para nove pasaxeiros e contará cun sistema que aforra ata o 55% do uso do motor, xa que recupera a enerxía de freado para a súa reutilización. Deste xeito, permite a alimentación en caso de corte do subministro eléctrico, podendo realizar máis de 100 viaxes a través dos seus acumuladores.
A elección do ascensor con lateral panorámico trata de manter a homoxeneidade, esteticamente falando, do edificio do Auditorio Municipal, evitando a sensación de engadido co resto da edificación.
Este elevador reforzará a accesibilidade ás plantas altas do Auditorio, facilitando o seu uso por parte de todos os veciños, independentemente das súas capacidades. Isto cobra especial relevancia tendo en conta, que na segunda planta se atopa o Centro de Día, ao que os usuarios poderán acceder directamente dende o porche de entrada.
Ademais, verase aumentada a seguridade xa que o ascensor ofrecerá unha nova vía de escape cara o exterior do Auditorio en caso de que se produzan eventuais incendios ou outras emerxencias que afecten ás plantas altas do inmoble. Neste sentido, o elevador poderá funcionar como saída de emerxencia ao igual que as escaleiras exteriores que se instalaron no seu día.