Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os traballos están en fase de licitación e as empresas teñen de prazo ata o día 26 para presentar ofertas

- A actuación, valorada en 97.452'67 euros, e finánciase a través dun convenio coa Vicepresidencia da Xunta

EdificioAdministra2020

Valga, 19 de xuño de 2020.

O Concello vén de licitar unha nova fase de mellora da climatización e da eficiencia térmica no edificio de usos administrativos, para dar servizo á planta primeira, na que se atopa a biblioteca, e ao baixo cuberta, destinado a arquivo municipal.

Este proxecto é continuación dos traballos que se executaron o pasado ano na planta baixa do inmoble, na que xa prestan servizo a Policía Local, o xulgado de paz e Radio Valga. Instalouse unha bomba de calor aire-agua e de varios “fancoils de cassette” de dous tubos nas distintas dependencias da planta baixa. Trátase duns dispositivos que van colocados no teito e que están formados por unha batería de intercambio de frío e calor e un ventilador. 

Agora completarase o sistema de climatización do edificio coa colocación dun recuperador de calor e de “fancoils de cassette” de baixo consumo enerxético na biblioteca e no arquivo. Xunto con isto, tamén se instalarán en ambas plantas os condutos de ventilación necesarios e executarase un tabique de bloque cerámico de termoarxila para illar a sala de máquinas.

As obras contan cun orzamento de 97.452'67 euros e as empresas licitadoras teñen de prazo ata o día 26 de xuño para presentar as súas ofertas de forma telemática a través da Plataforma de Contratos de Galicia. O proxecto finánciase mediante dun convenio entre o Concello e a Vicepresidencia da Xunta.

Volver