- A estrutura ten unhas dimensións de 2’50 metros de alto por 10 de longo
- A imaxe da Bella Otero destaca sobre un fondo beige que harmoniza coa pedra do edificio
Valga, 18 de xuño de 2020.
O Museo da Historia de Valga estrea nova imaxe exterior trala colocación, sobre a galería da fachada principal, dunha lona de gran formato.
O panel promocional foi deseñado, fabricado e subministrado pola empresa Insólito Diseño + Producto e ten unhas dimensións de 2,5 metros de alto por 10 de longo. Está reforzado con ollais de anclaxe para tensionalo.
A protagonista do deseño é a Bella Otero, cuxa figura destaca sobre un fondo de cor beige que harmoniza coa pedra da fachada. No outro lateral, e sobre fondo máis escuro, a lona incorpora a inscrición “Mercurio Severus pro voto”, a mesma que pode lerse na ara romana do século I que foi achada en 1950 na capela dos Martores, e cuxo orixinal se exhibe no Museo.
Esta actuación foi cofinanciada polo Concello e a Deputación de Pontevedra, a través dunha liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. A coidada e atractiva estética do edificio do Museo da Historia vese así reforzada con esta lona, que lle imprime unha maior identidade.