- O alcalde informou no Pleno das accións que se levaron a cabo nos últimos meses para afrontar a pandemia do Covid-19
Na sesión ordinaria realizouse o sorteo das mesas electorais
Valga, 17 de xuño de 2020.
O Concello de Valga deixará de percibir este ano 148.792’31 euros da súa participación nos Tributos do Estado.
Así o informou o alcalde, José María Bello Maneiro, no Pleno ordinario celebrado esta semana en resposta a unha pregunta do grupo socialista sobre a tesourería municipal. “Situacións coma esta foron as que obrigaron ao Concello a concertar, en decembro pasado, unha operación de tesourería por valor de 630.000 euros”, dixo o rexedor.
En decembro de 2019 o Concello tiña pendente de ingresar da Deputación de Pontevedra e da Xunta 1.005.230’81 euros, correspondentes a diversas obras e subvencións concedidas por estes dous organismos. Por iso, e dado que o Estado obriga a pagar aos provedores nun prazo máximo de 30 días, o goberno local decidiu actuar con previsión e concertar a operación de tesourería para evitar posibles impagos. “Este equipo de goberno é responsable e non quere, baixo ningún concepto, que a falta de pago doutras administracións poida repercutir nos nosos provedores ou nos empregados municipais”, reitera o alcalde.
Esta operación quedará liquidada en decembro deste ano, avanza Bello Maneiro, pero se fose necesario por continuar os impagos doutras administracións, o Concello está disposto a concertar unha nova operación. “O gasto que lle representa ao Concello é de apenas 300 euros, e por esa pequena cantidade non imos deixar de cumprir cos nosos provedores e traballadores”, recalca o rexedor. Outro dos exemplos que pon é que no mes de marzo de 2020 o Concello aínda tiña sen cobrar 84.633’62 euros correspondentes ás aportacións da Deputación e da Xunta ao Grupo de Emerxencias (GES) do ano 2019.
Na sesión plenaria tamén se realizou o sorteo das mesas para as Eleccións Autonómicas de xullo e debateuse unha moción do grupo socialistas relativa á pandemia do Covid-19. O alcalde explicou que, durante a situación de emerxencia sanitaria, o goberno local priorizou en todo momento ás persoas e a súa saúde, adoptando todas as medidas ao alcance das súas posibilidades.
Entre elas, a posta en marcha dunha liña telefónica con atención as 24 horas para as persoas en situación de vulnerabilidade, o impulso dun programa de axuda ás persoas maiores, o reparto de alimentos –moitos doados desinteresadamente por veciños e entidades de Valga– para atender as necesidades básicas das familias, a colaboración cos centros educativos mediante o reparto de ordenadores, libros e outro material lectivo, o mantemento en activo do Centro de Información á Muller e do servizo de axuda no fogar, ou un programa de acompañamento ao Centro de Saúde e hospitais para persoas vulnerables.
Outras das accións que se desenvolveron durante a pandemia foron o reparto de material de protección nos comercios do municipio que mantiveron a súa actividade durante o Estado de Alarma, a entrega de mascarillas –realizadas desinteresadamente por costureiras locais– a todos os veciños de Valga, labores de desinfección en espazos públicos e a colaboración co colectivo de taxistas para desinfectar os seus vehículos con ozono.
No apartado económico, aprazouse o pago de todas as taxas e impostos municipais, mantívose activo o Plan de Emprego para fomentar con subvencións a contratación de persoas empadroadas en Valga e, entre os meses de xullo e novembro, desenvolverase o programa Merca-Valga para a dinamización do comercio local.