- Só se autorizarán fogatas en fincas e terreos privados, quedando restrinxida a súa realización en espazos públicos
- Os responsables deben cumprir unha serie de normas medioambientais e respectar as recomendacións sanitarias vixentes no momento da celebración
Valga, 16 de xuño de 2020.
O Concello de Valga ten aberto o prazo de solicitude de permisos para prender as tradicionais fogueiras na noite de San Xoán, do 23 ao 24 de xuño. Nesta edición, debido á pandemia do coronavirus e ás normas sanitarias aínda vixentes en Galicia, só se autorizarán fogatas en fincas e terreos privados, quedando restrinxida a súa realización en terreos públicos.
As persoas interesadas teñen que cubrir unha solicitude (que poden descargar premendo AQUÍ) indicando o lugar no que se acenderá o lume, que quedará baixo a súa responsabilidade, e comprometéndose a adoptar as medidas de seguridade precisas e cumprir as normas das autoridades sanitarias que estean en vigor no día da celebración. Esta folla de solicitude ten que entregarse, xunto a unha copia do DNI, nas oficinas municipais.
O prazo para tramitar as autorizacións permanecerá aberto ata o luns 22 de xuño.
O listado completo de solicitudes será posto en coñecemento do xefe provincial do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés, así como dos servizos de emerxencias, que durante a noite de San Xoán, farán un seguemento das fogueiras para garantir que non se produzan incidentes.
As normas de seguridade que deben cumprir as persoas que vaian a celebrar o San Xoán co acendido de fogatas son as seguintes:
- Non facer moreas dunha altura excesivamente elevada para evitar problemas de seguridade
- Non facer a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prender a fogueira
- Evitar usar nas fogatas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilizar na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- No caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)
- CUMPRIR AS NORMAS DAS AUTORIDADES SANITARIAS PARA PROTEXER A SAÚDE DE TODOS