Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Presentou un traballo centrado no cambio climático, as súas consecuencias e posibles solucións

- O goberno municipal trasládalle os parabéns e destaca o potencial da mocidade valguesa

SamuelRial1

Valga, 9 de xuño de 2020.

O mozo valgués Samuel Rial Maneiro, veciño de Vilarello, proclamouse gañador do I Concurso de redacción xornalística convocado pola revista National Geographic con motivo do Día da Terra, que se conmemorou o pasado 22 de abril.

O estudante do IES de Valga obtivo o primeiro premio na categoría de 3º e 4º da ESO cunha editorial xornalística titulada “O abismo da humanidade”, na que expón a problemática do cambio climático e os seus efectos sobre o planeta e plantexa posibles solucións. “Durante o confinamento tiven tempo para reflexionar e darme conta de que estamos a destruír o noso único fogar, a terra”, di. E, precisamente foi esta etapa de confinamento obrigado pola pandemia do coronavirus, o que lle permitiu contar con tempo para presentarse ao certame de National Geographic: “Este artigo requería dun traballo inmenso de documentación sobre múltiples aspectos. Non tiña esperanza de poder presentalo xa que antes os estudos absorbían gran parte do meu tempo e, ademais, o prazo coincidía coa temporada de exames”. O confinamento supuxo para el unha oportunidade, neste sentido, e toda a información compilada serviulle para “ter unha maior conciencia ecolóxica”.

Samuel Rial explica, en relación á temática que elixiu, que “quixen presentar un editorial que expuxese gran parte dos problemas que sofre o planeta debido ao cambio climático e á irresponsabilidade humana: o quecemento global, emisión de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro, a deforestación ou a substitución de especies endémicas dun territorio por outras foráneas por motivos consumistas”. Un dos exemplos que cita é o de Indonesia, onde “se perdeu o 80% da biodiversidade paisaxística e animal a causa das plantacións de aceite de palma que dan unhas ganancias millonarias”. E Galicia tampouco é allea a esta problemática, advirte: “Estase a substituír o carballo polo eucalipto e pola mimosa, que é unha especie invasora que está destruíndo o noso ecosistema”.

As solucións que este mozo valgués plantexa no seu artigo pasan pola redución do consumo. “Vivimos nunha sociedade capitalista na que o consumo en masa de plásticos e carne ten unha repercusión ecolóxica moi importante”. E tamén afonda na necesidade de reducir as emisións de carbono e a utilización de combustibles fósiles coma o carbón ou o petróleo, substituíndoos por enerxías renovables”. Referíndose de novo á nosa terra, indica que “Galicia, co seu potencial paisaxístico e hidráulico, podería empregar en maior medida outro tipo de combustibles e enerxías” respectuosas co medio ambiente.

SamuelRial2

Volver