Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os produtos destinados ao comedor escolar serán agora distribuídos entre familias en situación de vulnerabilidade

- Tamén se recolleu o primeiro lote de alimentos doados polos clientes de Alimentación Eiras

DoazónColeBaño1

Valga, 9 de xuño de 2020.

O Concello de Valga vén de recibir unha nova doazón de produtos alimenticios. O CEIP Plurilingüe Baño-Xanza puxo a disposición do departamento de Servizos Sociais dous conxeladores cheos de todo tipo de alimentos que, no seu momento, foran adquiridos polo centro para abastecer o comedor escolar.

A suspensión da actividade educativa a mediados do mes de marzo motivou que estes produtos quedaran almacenados nos conxeladores. Agora, tendo en conta que os alumnos non voltarán ás aulas ata o mes de setembro, a dirección do colexio de Baño decidiu doalos ao Concello para contribuír a aliviar a situación de veciños sen recursos ou en situación de vulnerabilidade debido á crise do coronavirus ou por outras circunstancias sociais e económicas.

Entre os alimentos doados hai bacallau, merluza, sepia, polo, cordeiro, arroz, xudías, pizzas e outros produtos que xa están sendo distribuídos polos Servizos Sociais municipais.

Ademais, nos últimos días tamén se recolleu o primeiro lote de produtos doados polos clientes de Alimentación Eiras. Os propietarios deste establecemento de Ferreirós están a levar a cabo unha recollida de alimentos e outros artigos de primeira necesidade para a súa posterior entrega ao Concello. Galletas, arroz, leite, aceite, sal, azucre, pasta, conservas ou lentellas son algúns dos produtos recolectados.

O goberno municipal agradece, en nome de todos os veciños, estas mostras de xenerosidade e solidariedade por parte do colexio de Baño e de Alimentaciones Eiras e a súa clientela.

            DoazónColeBaño2                DoazónColeBaño3

DoazónColeBaño4

Volver