- Os usuarios valgueses contarán cun carné que será válido en todos os centros que forman parte da rede e poderán realizar xestións telemáticas
- O prazo para devolver os préstamos anteriores ao Estado de Alarma remata o 11 de xuño
Valga, 5 de xuño de 2020.
As bibliotecas municipais de Valga atópanse en pleno proceso de integración á plataforma única de xestión da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, a Plataforma Koha. Trátase dun sistema integrado de xestión que ofrece maiores recursos aos bibliotecarios no desenvolvemento do seu traballo e tamén aos usuarios.
A modificación do sistema de xestión permitirá mellorar o servizo que se ofrece, xa que os usuarios poderán acceder a un catálogo único que recolle os fondos de todos os centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia (https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal). Outras das vantaxes serán o acceso, cun carné único, aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas na rede e a posibilidade de realizar xestións telemáticas como reservas, renovacións ou xestionar a petición de libros a través da plataforma GaliciaLe, un sistema de préstamo de libro electrónico.
Reapertura das bibliotecas
As bibliotecas de Cordeiro e Valga reabriron ao público o pasado 11 de maio, inicialmente para a devolución de libros e agora tamén para tramitar novos préstamos. O horario de Cordeiro é de 11:00 a 12:30 e o de Valga de 11:30 a 13:30. Os usuarios deben cumprir con todas as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias, gardando as distancias interpersoais e acudindo con mascarilla.
Hai que lembrar que os usuarios teñen de prazo ata o 11 de xuño para devolver os préstamos anteriores á declaración do Estado de Alarma. En caso de que non cumpran esa data límite poderán ser penalizados, e non só nas bibliotecas de Valga senón en todas as que forman parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Todos os libros e materiais devoltos polos usuarios son postos en corentena nun lugar apartado e separadas entre si para garantir que non estean infectadas cando volvan a ser utilizadas. Este método é o que recomenda a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura, tendo en conta que a desinfección pode danar as obras.