- O proxecto ten un orzamento de 103.805 euros que financian conxuntamente o Concello e a Deputación
- As empresas poden presentar ofertas telemáticas ata o día 18 de xuño
Valga, 5 de xuño de 2020.
O Concello de Valga vén de licitar a subministración de composteiros individuais e unidades modulares de compostaxe comunitaria no marco do Plan Revitaliza, no que participan o Concello e a Deputación Provincial.
O contrato divídese en tres lotes: a dotación de 1.191 unidades de composteiros individuais con capacidade entre 300 e 400 litros (86.446’60 euros), a provisión de tres unidades de composteiros individuais de entre 800 e 900 libros de capacidade (99’30 euros) e a instalación de 28 unidades modulares de compostaxe comunitaria (16.940 euros). O valor total estimado do proxecto é de 103.805'9, que serán financiados entre o Concello e a Deputación.
As empresas teñen de prazo ata o día 18 de xuño para presentar ofertas de xeito telemático a través da Plataforma de Contratación do Sector Público, se ben as mostras dos elementos a subministrar deben presentarse fisicamente no Concello. Cada licitador pode presentar ofertas soamente para algún dos lotes ou para todos eles, podendo resultar a mesma empresa adxudicataria de todos os lotes.
A concesionaria contará cun prazo de 15 días dende a formalización de cada pedido para entregar os elementos obxecto do contrato.
Para xestionar este proxecto do Plan Revitaliza o Concello incorporou recentemente a unha mestra composteira. O obxectivo é fomentar a compostaxe entre a veciñanza, instalando composteiros comunitarios nas zonas máis urbanas e no entorno de edificios de vivenda colectiva, e os composteiros individuais repartiranse entre residentes en vivendas unifamiliares.