Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O documento ordena unha bolsa de solo industrial existente no entorno das actuais instalacións da empresa

- “O Concello sempre favorecerá aquelas actuacións que activen a economía de Valga e xeren postos de traballo para os nosos veciños”, di o alcalde

PlenoMaio2020 1

Valga, 30 de maio de 2020.

O Pleno aprobou definitivamente na sesión extraordinaria celebrada onte o Plan Parcial do sector de solo urbanizable S-104, no que se ordena unha bolsa de solo industrial emprazada na zona de O Forno – A Torre para permitir a ampliación das instalacións da empresa Extrugasa, a maior industria de Valga tanto en superficie como en número de empregados e un dos motores económicos de toda a comarca. O punto foi aprobado cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de En Marea.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aprobado en outubro de 2010, xa clasificaba como solo urbanizable delimitado de uso industrial esta bolsa de terreo lindeira coas actuais instalacións de Extrugasa, co obxectivo de posibilitar a súa expansión. Agora, o Plan Parcial aprobado definitivamente polo Pleno establece unha ordenación compatible coas necesidades da empresa, delimitando o solo industrial así como un aparcadoiro, un novo sistema viario e espazos libres e zonas verdes que, axustándose aos requirimentos da Lei do Solo de Galicia, exercerán como pantalla visual e acústica entre a actividade industrial e a zona residencial.

“É interese do Concello favorecer todas aquelas actuacións que activen económica e socialmente a Valga e axuden ao mantemento e aumento da actividade industrial xa existente, importante xeradora de postos de traballo para os nosos veciños”, indica o alcalde, José María Bello Maneiro. Abondande nesta idea, o rexedor, destacou a importancia do sector industrial en Valga, coa presenza no municipio de empresas punteiras a nivel nacional e internacional. "Temos que agradecer a eses empresarios que apostaran por Valga e o Concello non pode poñer paus nas rodas, senón que debe favorecer" a súa continuidade no municipio.

Na actualidade, Valga ten "cero metros de terreo industrial público", lamentou Bello Maneiro. "E por este motivo nos últimos anos dúas empresas que estaban ubicadas en Valga marcharon fóra do noso concello. Iso foi o que conseguiron os que tumbaron a creación dun parque empresarial". Neste sentido, o alcalde incidiu en que "un concello sen un polígono empresarial non é un concello de futuro. Valga necesita un parque empresarial e vai a telo para favorecer que os empresarios invistan no municipio e creen emprego".

No Pleno, ademais, deuse conta dos seguintes informes:

  • Informe sobre a remisión da liquidación do orzamento municipal relativo ao exercicio 2019
  • Informe sobre o plan presupostario do Concello para os exercicios 2021-2023
  • Informe sobre a remisión do presuposto municipal relativo ao exercicio 2020
  • Informe sobre a execución trimestral do orzamento relativo ao cuarto trimestre de 2019
  • Informe sobre o período medio de pago a provedores das administración públicas relativo ao cuarto trimestre de 2019
  • Informe sobre o cumprimento dos prazos de pagamento correspondentes ao cuarto trimestre de 2019
  • Informe sobre a execución trimestral do orzamento relativo ao primeiro trimestre de 2020
  • Informe sobre o período medio de pago a provedores das administración públicas relativo ao primeiro trimestre de 2020
  • Informe sobre o cumprimento dos prazos de pagamento correspondentes ao primeiro trimestre de 2020

PlenoMaio2020 2

Volver