Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O galardón, que autora recollerá este sábado en Mondoñedo, inclúe 1.500 euros, unha placa e un diploma

- O poemario “A Culpa” parte das figuras de Eva, Pandora e Lilith para afondar en temas como o amor, o existencialismo e o feminismo

 

Valga, 13 de decembro de 2017.

A valguesa María Belén Senín Santiago ven de proclamarse gañadora do XVIII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, un certame convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. O traballo presentado por Belén Senín, e polo que obterá un premio de 1.500 euros, unha placa e un diploma, leva o título de “A Culpa”.

Con 18 anos de idade este premio foi toda unha sopresa para Belén Senín, natural de Valga e estudante de Filoloxía Galega. “É o segundo concurso ao que me presento e o primeiro premio que gaño”, aínda que a súa relación coa literatura remóntase á súa época de infancia. “Gústame ler dende pequena e moitos xéneros diferentes, se ben durante a infancia e a adolescencia centreime máis na narrativa e duns anos a esta parte na poesía”, explica. Fundamentalmente poesía galega, tanto dos clásicos como de autores contemporáneos nos que se inspirou en temáticas como o feminismo ou a reinterpretación de mitos, presentes en “A Culpa”.

Trátase dun conxunto de poemas escritos en galego e estruturados a modo de minipoemario. Está dividido en tres bloques temáticos cos títulos de Pandora, Eva e Lilith, “tres mulleres que foron culpadas dos males do mundo pola historia e por distintas relixións. Pandora ao abrir a caixa, Eva ao morder a mazá e Lilith foi, segundo a relixión xudeomesopotámica, a primeira muller de Adán, negouse a someterse a el e adicouse a pecar ao marchar do paraíso”, explica a autora. Belén Senín recuperou as figuras destas tres mulleres e aproveitou as súas historia para introducir no poemario diferentes temáticas. O amor en todas as súas vertentes vencellado a Eva, o existencialismo da man de Pandora e o feminismo e o erotismo –no sentido de liberación sexual- relacionado con Lilith.

A obra “A Culpa” pasará a integrar os fondos da biblioteca Pena Traper de Mondoñedo. Este sábado, a partir das 12 do mediodía, terá lugar na Casa do Concello de Mondoñedo a entrega de premios. O alcalde, José María Bello Maneiro, transmitiu a Belén Senín as felicitacións en nome de todo o goberno municipal de Valga.

Volver