- Os estudantes poderán facer as probas sen desprazarse ás facultades, reducindo o risco de contaxio
- O alcalde trasladou por escrito á Fegamp o interese do Concello por colaborar
Valga, 28 de maio de 2020.
O Concello de Valga colaborará coas tres universidades galegas, a Federación Galega de municipios e provincias (Fegamp) e a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) poñendo á súa disposición a Aula CeMIT do Auditorio para que os estudantes poidan realizar os exames.
A Amtega, a Fegamp e as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo están a colaborar para garantir que os estudantes universitarios poidan facer as probas de avaliación sen necesidade de desprazarse fisicamente ás facultades, co obxectivo de minimizar o risco de exposición e evitar a propagación do coronavirus Covid-19.
Foi por iso que se puxeron en contacto co Concello, como integrante da Rede CeMIT, solicitando a súa participación nesta iniciativa mediante a posta a disposición do sistema universitario galego da Aula CeMIT e do seu equipamento. O alcalde xa transmitiu por escrito á Fegamp a total disposición do Concello de Valga para que a fenda dixital e as diferencias de acceso ás novas tecnoloxías que afectan non inflúan nos resultados académicos dos estudantes universitarios de Valga, en particular, e galegos en xeral.
Os exames levaranse a cabo entre os días 1 de xuño e 31 de xullo.