- O tamaño medio dos peixes, procedentes da piscifactoría de Carballedo, é de 20 centímetros
- Na antiga explotación mineira pode practicarse a pesca recreativa sen morte por colectivos coma maiores e discapacitados
Valga, 28 de maio de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu esta mañá na Mina Mercedes á solta de cincocentos exemplares de troita por parte da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, a través da Xefatura Territorial de Medio Ambiente.
A repoboación da lagoa por parte do Concello e da Xunta ten como obxectivo relanzar a actividade neste couto de pesca recreativa sen morte, constituído como tal en febreiro de 2012 pola Consellería de Medio Ambiente.
Os exemplares de troita adulta que se soltaron hoxe teñen dous anos e proceden da piscifactoría de Carballedo (Cotobade). A súa talla é considerable, xa que rondan os 20 centímetros. A solta realizouse en varios puntos da lagoa baixo a supervisión dun axente medio ambiental da Xunta, quen explicou que os peixes teñen agora que adaptarse ás súas novas condicións de vida nesta antiga explotación mineira.
A Mina Mercedes, que se localiza no lugar da Torre (Campaña), é a maior lagoa de orixe non natural da provincia de Pontevedra cunha extensión de arredor de 30.000 metros cadrados. No seu día foi unha explotación de arxila a ceo aberto vencellada á actividade industrial da empresa de cerámica Novo y Sierra e, posteriormente, o Concello promoveu a súa recuperación.
Na actualidade conforma un ecosistema de grande valor natural con comunidades vexetais formadas por árbores como salgueiros, amieiros e freixos e prantas como a espadana, a palla real ou a platanaria. Neste hábitat establécese de maneira temporal ou permanente unha variada fauna avícola, sendo especialmente numerosas as poboacións de patos e gansos.
En 2012 a lagoa converteuse en couto de pesca sen morte para colectivos coma maiores e persoas con discapacidade, tendo como especie principal a troita. A Cámara Oficial Mineira de Galicia e o Instituto Geológico y Minero de España destacan a Mina Mercedes como un magnífico exemplo de recuperación dun espazo mineiro en beneficio da biodiversidade e da sociedade.