Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Dende 2015 o número de contedores amarelos incrementouse nun 17% e os azuis, para depositar papel e cartón, nun 15%

- O Concello e a concesionaria impulsarán campañas sobre a importancia de separar correctamente os residuos, o que axuda ao medio ambiente e reduce os custes

reciclaxe

Valga, 17 de xaneiro de 2018.

A reciclaxe de envases lixeiros aumentou durante 2017 en Valga un 24% con respecto ao ano anterior. A veciñanza depositou no contedor amarelo un total de 80,10 toneladas de envases de plástico, tetrabriks e latas, destaca Marcial Alonso, director de Servizos Urbanos e Medio Ambiente do Grupo Soil, que xestiona os residuos do contedor amarelo, a reciclaxe de papel e cartón, a recollida de enseres e o Punto Limpo.

Engade, ademais, como un dato a ter en conta que “este incremento prodúcese a pesar de que o consumo aínda non se recuperou con respecto aos anos previos a crise, unha circunstancia que afecta á cantidade de residuos que xera a poboación”, polo que conclúe que é “a maior concienciación ambiental dos habitantes de Valga” o que está a motivar unha maior e mellor reciclaxe dos residuos sólidos urbanos.

Os datos reflexan que os valgueses están cada vez máis concienciados sobre a importancia de separar correctamente e, ademais, contan con máis medios para facelo. Porque dende o ano 2015 incrementáronse en máis dun 17% os contedores amarelos e en máis dun 15% os azuis destinados ao depósito de papel e cartón. Aínda así, o Concello e máis a empresa concesionaria continuarán poñendo en marcha campañas sobre a importancia da reciclaxe xa que “aínda se observan nos estudos e mostras que se toman periódicamente erros na separación dos residuos”, explica Marcial Alonso. Con todo, a porcentaxe de “impropios” no contedor amarelo é en Valga inferior ao 30% que fixa como límite Ecoembes. Isto supón unha notable reducción dos “impropios”, que no ano 2014 chegaban ao 44% nos envases lixeiros, o que non só conleva melloras medioambientais senón que tamén reduce os custes que ten para o Concello o tratamento dos residuos sólidos urbanos.

Entre as accións de concienciación que o Concello de Valga e o Grupo Soil veñen levando a cabo nos últimos anos destacan as dirixidas aos escolares, nun intendo de reforzar a súa implicación na reciclaxe e que sirvan de modelo para os outros membros das súas familias. Realizáronse sesións formativas nos colexios de Cordeiro e Baño con rapaces de 9 a 12 anos e campañas de recollida de xoguetes eléctricos e electrónicos para concienciar sobre este tipo de residuos que, en moitas ocasións, se depositan erróneamente no contedor verde. Tamén se organizaron visitas ao Punto Limpo para que a mocidade coñeza a súa utilidade e sepan que eles, como veciños de Valga, poden depositar alí os residuos asimilables a urbanos sin custo algún.

O Punto Limpo está aberto de luns a venres de 9 a 13 horas pola mañá e de 15 a 19 pola tarde. Os sábados funciona só pola mañá, entre as 9 e as 13 horas. Este servizo está dirixido exclusivamente aos veciños de Valga que poden depositar de xeito gratuíto plásticos, ferralla, madeira e mobles, equipos informáticos e teléfonos móbiles, electromésticos, pinturas plásticas e perigosas con base de aceite e barnices, tóner e cartuchos de impresoras, baterías de vehículos, pilas de uso doméstico, fluorescentes e bombillas de baixo consumo, aceite mineral e vexetal, colchóns, vidro, cristais, papel, cartón, envases do contedor amarelo, roupa e calzado usados, radiografías e aeosois. Tamén se pode depositar escombro, se ben con limitacións. Cada vivenda de Valga pode levar ao Punto Limpo 500 quilogramos de escombros de xeito gratuíto. A partir desa cantidade o servizo é de pago. Non se poden depositar no Punto Limpo uralitas, asfalto, rodas de vehículos, medicamentos nin produtos fitosanitarios.

Os veciños poden empregar tamén o servizo de recollida de voluminosos, que se leva a cabo os últimos venres do mes, sendo necesario que se anoten antes no Concello (o prazo remata o luns anterior ao día de recollida). Na noite do xoves teñen que levar os enseres xunto ao contedor do lixo máis próximo ou, de non ser posible, deixalos fóra do recinto da vivenda.

As empresas e tamén os particulares que non estean empadroados en Valga poden empregar a planta de residuos da construción e a planta de residuos industriais non perigosos, servizos que son de pago. Na primeira recóllense escombros e restos de obras, mentras que na segunda poden depositarse plásticos duros e valorables, papel, cartón, lonas, espumas e outros residuos non valorables, chatarra, colchóns e mobles.

Volver