- A contribución foi realizada pola empresa de deseño en pedra Epetrum e inclúe leite, zumes, galletas e outros produtos para o almorzo
- A tenda Alimentación Eiras, en Ferreirós, tamén colabora con Servizos Sociais recollendo alimentos para os veciños que necesiten axuda
Valga, 27 de maio de 2020.
O Concello recibiu esta mañá unha doazón de produtos alimenticios por parte dunha empresa local, Epetrum., que quere contribuír deste xeito a aliviar a situación que afecta a algunhas familias a consecuencia da crise do coronavirus Covid-19.
A doazón inclúe varios lotes de produtos para o almorzo, coma bricks de leite, galletas, cacao en polvo, magdalenas, zumes e azucre. Foron postos a disposición do departamento de Servizos Sociais, que será o encargado de distribuír estes alimentos entre as familias do municipio que se atopen en situación de vulnerabilidade.
Outro establecemento de Valga tamén se puxo a disposición dos Servizos Sociais do Concello para axudar, na medida do posible, a minimizar os efectos da crise do Covid-19 entre a poboación local. Trátase de Alimentación Eiras, que pon a disposición a súa tenda en Ferreirós para a recollida de alimentos e outros produtos de primeira necesidade de cara á súa posterior distribución entre as familias que precisen axuda.
O goberno municipal traslada o seu agradecemento aos responsables de Epetrum e de Alimentación Eiras por estes xestos de xenerosidade cos seus veciños.