- Os traballos, cun prazo de execución de tres meses, conlevarán a pavimentación dun tramo de 790 metros de lonxitude
- A Consellería do Medio Rural subvenciona o proxecto cunha aportación de 41.875 euros
Valga, 17 de xaneiro de 2018.
O Concello de Valga iniciou os trámites para contratar as obras de asfaltado dun camiño entre o lugar de Raxoi, na parroquia de San Miguel, e a pista que comunica os lugares de Martores e Parafita, un proxecto que conta cun orzamento de 52.251,43 euros e que subvenciona a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvento Rural (Agader) cunha aportación de 41.875,31 euros.
As obras, para as que se solicitaron ofertas ás empresas Covsa, Construcións Narom e Taboada e Ramos a través dun procedemento negociado sen publicidade, suporán a mellora e pavimentado do camiño nunha lonxitude de 790 metros. O prazo de execución é de tres meses.
Con esta actuación preténdese dotar ao vial de condicións axeitadas para a circulación e continuar achegando a rede viaria aos residentes nos núcleos rurais de Valga.