Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Xunta de Galicia subvenciona o proxecto con case 72.000 euros

- Desenvolveranse iniciativas nos ámbitos educativo, familiar e laboral

 

Valga, 25 de maio 2020.

O Concello de Valga, xunto cos de Dodro, Padrón e Rois, poñen en marcha un ano máis a Unidade de Prevención das Drododependencias e outras condutas adictivas, un proxecto que leva en funcionamento dende o ano 2013 e que ten como finalidade executar plans de prevención das adiccións e atender as demandas de información, asesoramento, formación e intervención en relación coas drogas no ámbito territorial formado polos catro concellos.

A Unidade está constituída por dúas profesionais con formación específica en drogodependencias, que traballan en cooperación cun equipo multidisciplinar constituído por educadores, traballadores sociais e administrativos dos concellos promotores. Cóntase, nesta edición, cunha subvención da Consellería de Sanidade de case 72.000 euros, que se completa con aportacións das administracións locais.

O proxecto inclúe o desenvolvemento de actividades transversais de prevención das drogodependencias e promoción de estilos de vida saudables e tamén accións dirixidas a sectores específicos da poboación coma o escolar, o familiar ou o laboral.

No ámbito educativo trabállase con alumnado de 10 a 18 anos, co que se abordan temas coma a autoestima, a resolución de conflitos e asuntos concretos sobre drogodependencias (tabaco, alcohol e cannabis) e de adiccións sen substancias coma o xogo patolóxico ou o uso abusivo de internet e das TIC. Ademais, lévanse a cabo programas de prevención dirixidos a estudantes de 4º da ESO e de FP que, pola súa idade, son un sector de especial risco fronte ao abuso de drogas.

No tocante ao ámbito familiar, a Unidade de Prevención realiza accións con familias con fillos en idade escolar (entre os 5 e os 18 anos). As actividades céntranse na información e sensibilización, axudándolles a mellorar a comunicación familiar e a establecer límites e normas. O obxectivo é incrementar os factores de protección en relación coas drogas e outras condutas adictivas, así como asesorar ás familias e derivalas a un servizo especializado en caso de que xa exista un problema de adicción.

Tamén se desenvolven actividades dirixidas á poboación xuvenil en xeral, intentando reducir a súa tolerancia ante o consumo de substancias e abordando outras problemáticas coma as relacións tóxicas, e por último, no ámbito laboral dase prioridade ao sector da hostalería.

Volver