Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O obxectivo é promover hábitos de vida saudables, advertir sobre os riscos do consumo de drogas e ofrecer aos pais pautas para identificar problemas asociados ás adiccións

- A Xunta de Galicia aprobou unha subvención de 46.259,49 euros para o programa, o que supón o 95% da financiación

 

Valga, 16 de xaneiro de 2018.

O programa de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas que o Concello de Valga comparte con Dodro, Padrón e Rois tratará de chegar un ano máis a distintos grupos de poboación con actividades que non só incidirán nos perxuízos do consumo de drogas, senón tamén noutro tipo de adiccións como as vencelladas ás novas tecnoloxías.

A programación, que está aínda en fase de deseño, incluirá actividades de prevención das drogodependencias e promoción dos hábitos de vida saudables dirixidas a nenos, familias, maiores, mulleres e mozos, charlas formativas e informativas sobre os riscos do consumo de drogas, tanto legais como ilegais, e formará ao profesorado, educadores e técnicos para que sexan quen de identificar estas problemáticas.

Desenvolveranse charlas e obradoiros co alumnado de 5º e 6ª cursos de Educación Primaria dos colexios Xesús Ferro Couselo e Baño-Xanza e tamén no IES de Valga, coa participación de estudantes de 1º da ESO ata FP Básica. Abordaranse os efectos nocivos que teñen para a saúde as drogas pero tamén se tratarán outras adiccións relacionadas coas tecnoloxías e o abuso das redes sociais e incluiranse actividades sobre autoestima e para ofrecer á mocidade unha serie de pautas para non sucumbir ás presións grupais. Contarase coa colaboración da Garda Civil nalgunhas das charlas que se impartirán nos centros educativos valgueses.

O equipo de profesionais que está a traballar na programación para este ano solicitará, ademais, á Xunta de Galicia a participación nalgunhas das actividades do programa “Quérote+”, da Consellería de Política Social, a través da que poder abordar cuestións e problemáticas sobre sexualidade e, en concreto, sobre enfermidades de transmisión sexual como o VIH/Sida.

Outras actividades deste plan teñen tamén como destinatario ao público adulto, de maneira que se promoverán encontros con colectivos de mulleres, asociacións como Asdivalu ou ANPAS. Cos colectivos de pais traballarase, por exemplo, como poñer normas e límites aos seus fillos.

O programa de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas dos concellos de Valga, Padrón, Dodro e Rois, constituído en servizo de carácter supramunicipal, está en funcionamento dende o ano 2013. Dous profesionais con formación específica en drogodependencias traballan en cooperación cun equipo multidisciplinar integrado por educadores, traballadores sociais e administrativos dos catro concellos agrupados coa finalidade de atender e canalizar as demandas de información, asesoramento, formación e intervención en relación coas drogas e outras adiccións. A Xunta de Galicia aprobou unha subvención de 46.259,49 euros para as actividades deste programa, o que supón o 95% da financiación necesaria.

Volver