Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alumnado das unitarias de Chenlo, Campaña, Vilarello, Forno, Fereirós e Xanza pediulle moitos regalos para Noiteboa

- A conexión con Laponia realizouse dende a Aula CeMIT do Auditorio

PN1

Valga, 14 de decembro de 2017.

A ilusión que xeran as festas de Nadal, sobre todo entre os máis pequenos, reflexouse esta mañá nos rostros dos nenos de Valga que puideron falar con Papá Noel a través de videoconferencia na Aula CeMIT do Auditorio.

Dende a súa casa en Laponia e diante dun paisaxe cuberto de neve, Santa Claus conectou dúas veces con Valga, primeiro para escoitar a lista de regalos que lle pediron os alumnos das escolas unitarias de Vilarello, Ferreirós e Forno e, despois, para facer o propio cos de Campaña, Xanza e Chenlo. En total case sesenta nenos do Centro Rural Agrupado tiveron ocasión de conversar con Papá Noel. Portáronse todos moi ben durante este ano, comeron todo o que lle puxeron no prato, axudaron ao seus pais coas tarefas da casa, estudaron moito no colexio e o que máis lles gusta do Nadal é abrir regalos. Por iso, Santa Claus foi tomando nota de todos os xoguetes que vai ter que traer a Valga no seu trineo en Noiteboa.

Os nenos de Chenlo van ser grandes músicos, por iso lle pediron moitos instrumentos: frautas, guitarras “de rock”, trompetas… Papá Noel contoulles que o seu instrumento favorito é o ukelele e que, ademais, lle gusta moito a cor vermella por iso leva o traxe desa cor. Outros dos regalos preferidos dos rapaces de Valga son as camas elásticas, as bonecas e os colares. A súa lista de desexos inclúe tamén patíns, diarios, vehículos de bombeiros e da policía, tractores, trens, motos e barcos, equipacións de fútbol, plastilina e ata unha motoserra.

Moito van ter que traballar os elfos de Santa Claus para fabricar todos os xoguetes que lle pediron os nenos de Valga pero el prometeulles que non se ía esquencer de ningún. Pediulles que sigan mantendo a ilusión, xa que é “moi importante para que poida viaxar cos meus renos por todo o mundo”, e que en Noiteboa lle deixen baixo a chimenea ou xunto á árbore de Nadal un vasiño de leite con galletas para repoñer forzas e unhas cenorias que tanto lle gustan a Rudolf.

PN2  PN4 

Volver