- Os protectores faciais foron feitos por un grupo de costureiras voluntarias
- Entregáronse casa a casa tres tamaños para veciños de distintas franxas de idade
Valga, 9 de maio de 2020.
O Concello rematou no día de onte o reparto de mascarillas por todas as parroquias do municipio para contribuír á protección da poboación ante o coronavirus a medida que se relaxan as medidas de confinamento.
Os protectores faciais foron entregados porta a porta pola Policía Local e membros da agrupación de Protección Civil, que deixaron en cada casa unha mascarilla para cada residente e unhas instrucións de uso.
As mascarillas, confeccionadas en algodón e liño, son reutilizables. Antes de empregalas por primeira vez e despois de cada uso recoméndase lavalas a máis de 60 graos de temperatura ou desinfectalas con lixivia rebaixada en auga (20 mililitros de lixivia por cada 980 mililitros de auga). Ademais, tamén se recomenda o planchado.
Foron feitas por un grupo de dezasete costureiras voluntarias do municipio de forma completamente desinteresada. Realizáronse tres tamaños distintos de mascarillas para outras tantas franxas de idade: de 0 a 5 anos, de 6 a 14 e de 15 anos en diante. O goberno municipal agradece a estas costureiras a sua colaboración e o esforzo realizado durante as últimas semanas para que todos os valgueses poidan contar con protección.
Se algún veciño non recibiu a súa mascarilla pode chamar ás oficinas do Concello (986 55 94 56)..
Recentemente apareceron tres mascarillas das entregadas polo Concello tiradas no entorno da rotonda da Charca, na estrada que vai á Devesa, o que supón unha falta de respecto para as persoas que traballaron arreo para confeccionalas e para a seguridade dos veciños. O Concello pide que se algún veciño máis non quere ou non necesita estas mascarillas, que o devolva ou chame ao Concello para que vaian a buscalo e, así, poida dárselle a persoas que si o precisan.
Unha vez que todos os veciños teñen as súas mascarillas, o goberno local pídelles que cando saian das súas casas ou estean en contacto con outras persoas as poñan, xa que esa é a maneira de protexerse e que Valga siga na boa liña, sen practicamente casos de coronavirus.