- O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto entre os días 11 e 18 de maio
- A formalización da matrícula realizarase do 1 ao 10 de xullo
Valga, 6 de maio de 2020.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria en Galicia sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato para o curso académico 2020/21. Este prazo quedara suspendido o pasado 14 de marzo, cando se declarou o Estado de Alarma a consecuencia da pandemia do coronavirus Covid-19.
O restablecemento deste proceso leva parella a adaptación das fases posteriores, modificando e axustando as datas de xeito que os centros e o profesorado poidan preparar con normalidade o novo curso e se minimicen así as consecuencias para familias, alumnado e centros, logo da situación excepcional de emerxencia sanitaria que motivou a súa paralización. Así mesmo, garántese que o alumnado teña asignada a praza no centro que lle corresponda e poida formalizar a súa matrícula dentro do período ordinario anual que establece a normativa reguladora..
Os novos prazos do procedemento son os seguintes:
- Presentación das solicitudes de admisión de alumnado: iniciarase o día 11 de maio e rematará o día 18.
- Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: ata o día 26 de maio de 2020.
- Publicación das listaxes provisionais do alumnado admitido e non admitido: antes do 9 de xuño de 2020.
- Poderanse formular reclamacións contra as listaxes provisionais no prazo de 3 días hábiles contados desde o seguinte ao da súa publicación.
- Publicación das listaxes definitivas do alumnado admitido e non admitido: ata o 26 de xuño de 2020.
- Formalización da matrícula en Educación Infantil e Primaria: do 1 ao 10 xullo de 2020.
- Formalización da matrícula ordinaria en Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato: do 1 ao 10 xullo. Prazo extraordinario: do 1 ao 10 de setembro de 2020.
Por motivos de saúde pública é preferible que os trámites se realicen de forma telemática, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (sede.xunta.gal), identificándose coa chave 365, certificado dixital ou DNI electrónico. O código do procedemento é ED550B.
Os centros educativos valgueses tamén dan a opción de presentar as solicitudes presencialmente cando non sexa posible realizalo por vía telemática. Neste caso hai que acudir con medios de protección coma mascarilla e guantes.
No colexio de Baño o horario establecido é de 10:00 a 11:30.
No colexio Xesús Ferro Couselo, de 11:00 a 13:00 horas.
No CRA de Valga, de 10:00 a 13:00 horas.
O IES de Valga está agardando a recibir directrices da Consellería de Educación para establecer a fórmula en que se pode realizar a solicitude de admisión. Esta será anunciada a través da páxina web do centro. As persoas que queiran solicitar información poden chamar ao teléfono 686 91 95 18 en horario de mañá.