- A agrupación de Protección Civil é a encargada de distribuír o material, feito por un grupo de costureiras voluntarias
- As mascarillas de tela son reutilizables, xa que poden lavarse e desinfectarse con lixivia
Valga, 28 de abril de 2020.
O Concello está levando a cabo o reparto a domicilio de mascarillas faciais para que nenos e adultos poidan protexerse do coronavirus a medida que avanzan as medidas de desconfinamento da poboación.
Membros da agrupación de Protección Civil son os encargados de realizar a distribución do material porta a porta e por zonas. Entrégase unha mascarilla para cada residente no domicilio en función da súa idade e unhas instrucións de uso.
As mascarillas, confeccionadas en algodón e liño, son reutilizables. Antes de empregalas por primeira vez e despois de cada uso recoméndase lavalas a máis de 60 graos de temperatura ou desinfectalas con lixivia rebaixada en auga (20 mililitros de lixivia por cada 980 mililitros de auga). Ademais, tamén se recomenda o planchado.
Estas mascarillas que se están a entregar aos veciños foron feitas por un grupo de costureiras voluntarias do municipio que, de forma desinteresada, está confeccionando material de protección para o Concello. Realízanse tres tamaños distintos de máscaras para outras tantas franxas de idade: de 0 a 5 anos, de 6 a 14 e de 15 anos en diante.
As tarefas de reparto polas distintas parroquias prolongaranse durante varias xornadas. Con anterioridade o Concello xa estaba a distribuír mascarillas entre os sectores da poboación con máis risco: persoas con outras patoloxías, veciños que debían acudir a unha cita médica ou traballadores de axuda a domicilio, entre outros. Este reparto séguese mantendo mentras a entrega a domicilio non chegue a todos os lugares de Valga, polo que se algunha persoa necesita mascarillas pode solicitalas no Concello.