- Tamén se está empregado esta substancia para a limpeza de edificios municipais
- Ademais, prestouse colaboración ao Concello de Pontecesures para a desinfección dos coches da Policía Local
Valga, 27 de abril de 2020.
O Concello de Valga vén de adquirir unha máquina de xeración de ozono artificial para a loita contra o coronavirus, en concreto para extremar as medidas de hixiene e desinfección dos vehículos dos servizos de emerxencias e tamén de edificios municipais.
O ozono está considerado como unha das substancias máis eficaces para a destrución de virus e bacterias e desinfecta todo co que entra en contacto, polo que ten a capacidade de eliminar o virus do ambiente e tamén daquelas superficies nas que pode pervivir.
A máquina adquirida polo Concello estase empregando para hixienizar o parque móbil da Policía Local e da agrupación de Protección Civil. Os vehículos desinfectánse todos os días a última hora da tarde para que queden limpos para a xornada seguinte. Con anterioridade a limpeza realizábase con outros produtos desinfectantes, pero o ozono é máis eficaz e ofrece maiores garantías.
Ademais, tamén se realizaron tarefas de desinfección con ozono en edificios municipais coma a Casa do Concello e o CODI e estase a colaborar co Concello de Pontecesures para a desinfección dos vehículos da Policía Local.
Con este Concello veciño tamén se manteñen outras vías de colaboración relacionadas coa situación de emerxencia sanitaria polo coronavirus Covid-19. Así, nos últimos días persoal municipal desprazouse a esta localidade para entregar a varias familias os libros de texto correspondentes ao terceiro trimestre do CEIP Baño-Xanza, xa que os seus fillos son alumnos deste colexio.