- Persoal municipal encárgase de entregar o material ás familias porta a porta
- Os equipos informáticos tamén se ofreceron ao alumnado doutros colexios de Valga
Valga, 24 de abril de 2020.
O Concello segue a colaborar cos centros educativos do municipio e coas familias do alumnado para que a actividade lectiva se poida desenvolver con relativa normalidade, a pesar das limitacións que, de por si, conlevan a situación de emerxencia sanitaria e o confinamento da poboación.
Persoal municipal comezou a repartir onte á tarde libros de 1º e 2º cursos de Primaria do CEIP Baño-Xanza, para que os estudantes poidan realizar as tarefas que lles indiquen os seus mestres e compaxinalas coa actividade telemática. O material estase entregando ás familias nos seus domicilios, un reparto que continuará hoxe.
Ademais, nas últimas xornadas tamén se distribuíron ordenadores “notebook” dos que dispoñía o colexio de Baño e que foran renovados hai tres anos pola Consellería de Educación no marco do programa Abalar.
A dirección do centro consultou á Inspección se podían ofrecelos ás familias que tiveran máis dificultades para realizar as actividades telemáticas e, tras obter resposta afirmativa, os equipos ofrecéronse entre a comunidade educativa e tamén aos outros centros de ensinanza do municipio. Persoal do Concello distribuíu esta semana dun total de quince ordenadores, dos que trece se entregaron a alumnos do colexio de Baño e outros dous a estudantes do CEP Xesús Ferro Couselo.