Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As propostas e actividades poden verse a través do blog cradevalga.blogspot.com

- O proceso de dixitalización promovido polo centro antes da crise sanitaria facilitou a adaptación ás clases a distancia

ActividadeCRA

Valga, 21 de febreiro de 2020.

O Centro Rural Agrupado de Valga quere converter a ampla e diversa actividade educativa a distancia que está desenvolvendo nun banco de recursos para todas as familias con nenos de Valga e da contorna, de maneira que poidan contar con propostas e ideas para traballar cos seus fillos durante o período de confinamento.

A través do blog cradevalga.blogspot.com, todas as familias poden acceder ás propostas educativas que plantexa a diario o equipo docente do CRA: actividades de loxicomatemática, lectoescritura, expresión corporal, experimentos... que os nenos poden realizar nos seus fogares de maneira voluntaria e das que envían imaxes e vídeos que as titoras publican no propio blog, que se ten convertido nun medio de contacto entre a comunidade educativa.

A actividade a distancia das escolas unitarias de Valga inclúe a elaboración de retos diarios para o alumnado a través da aplicación Padlet, que tamén permite que as familias poidan compartir as imaxes e vídeos co resto da comunidade (https://vimeo.com/409740803), ao tempo que as titoras propoñen outras tarefas individuais coma xogos e materias de reforzo para continuar coa formación integral do alumnado.

As familias que queiran acceder a todos este recursos poden facelo a través do blog, mediante a conta de Instagram do CRA (cradevalga) ou a través do teléfono 881 151 724.

O proceso de dixitalización emprendido polo CRA de Valga dende hai tempo, con inversión en recursos tecnolóxicos, permitiulles minimizar o impacto que circunstancias tan excepcionais coma as que se viven na actualidade poderían ter no proceso educativo do alumnado.

Grazas a este camiño xa andado conseguiron reducir a incertidume provocada pola suspensión das clases presenciais, facilitando en todo momento o contacto entre as familias e o persoal do centro. Dende o mesmo día no que se pecharon as aulas, o pasado 12 de marzo, o equipo docente do CRA “realiza unha intensa titorización do alumnado que non entede de festivos nin de pontes. A situación requíreo e así foi entendido pola comunidade educativa co fin de non deixar desamparadas ás familias”, explica o director, Adrián Baloira.

O CRA segue a traballar con proxectos e metodoloxías activas, nas que o alumnado é o centro da aprendizaxe e as actividades xorden en función dos seus intereses. Só que agora as aplicacións de mensaxería instantánea, redes sociais, chamadas, videochamadas, correos electrónicos ou aplicacións coma AbalarMóbil téñense convertido en ferramentas de uso diario para profesorado e familias.

Máis información sobre o funcionamento do CRA de Valga: https://vimeo.com/390356326

Volver