- O envío tamén incluía buzos e produtos desinfectantes coma lixivia
- O goberno municipal agradece estas aportacións, xa que a Xunta é a única administración que esta facilitando material ao Concello
Valga, 18 de abril de 2020.
A Vicepresidencia da Xunta de Galicia enviou esta semana ao Concello un novo lote de material de protección ante o coronavirus. A remesa, a cuarta que a adminstración autonómica facilita ao Concello nas últimas semanas, incluía mascarillas faciais, caixas de guantes, buzos de polipropileno e produtos desinfectantes coma xel hidroalcohólico e lixivia.
Este material entregado pola Xunta estase empregando para equipar aos traballadores municipais e aos servizos de emerxencias, coma a Policía Local e Protección Civil. Ademais, estase a facer un reparto de mascarillas entre as auxiliares de axuda a domicilio e os veciños que as precisan por motivos médicos ou que teñen que acudir a unha cita hospitalaria, para que poidan protexerse de posibles contaxios.
O goberno municipal quere agradecer á Xunta a súa colaboración durante esta situación de emerxencia sanitaria, xa que é a única administración que está aportando ao Concello material de protección, moi difícil de conseguir por outras canles ante a elevadísima demanda a nivel mundial.
Por outra parte, varias costureiras están elaborando mascarillas para o Concello, que lles aporta todos os materiais necesarios para que poidan confeccionalas. En canto se conte con un número suficiente de máscaras, realizarase un reparto máis amplo entre os veciños. O goberno agradece tamén a este grupo de costureiras o traballo desinteresado que están a realizar e o seu grande esforzo para colaborar nesta crise sanitaria.