- A agrupación valguesa está nominada na categoría de Bandas de Música Populares
- O goberno municipal destaca que “este e anteriores éxitos da nosa banda son reflexo do grande traballo realizado pola Escola de Música”
Valga, 17 de abril de 2020.
A Banda de Música Municipal, un dos principais expoñentes da cultura en Valga, segue a colleitar éxitos incluso en período de confinamento. A agrupación valguesa acaba de ser elixida finalista da VII edición dos Premios Martín Códax da Música, que organiza a asociación Músicas ao Vivo.
Os finalistas foron designados por un xurado profesional integrado polo músico Xose Miguélez, a cantante e compositora Ánxela Baltar, a doutora en Historia da Arte e Música Patricia Cupeiro, a xornalista Belén Regueira, e o historiador e crítico musical Julio Gómez. A Banda de Valga está nominada na categoría de Bandas de Música Populares xunto coas agrupacións de Meaño e Merza.
Serán os socios do colectivo “Músicas ao Vivo” os que elixan aos gañadores mediante un proceso de votación online que estará aberto entre o 20 de abril e o 3 de maio.
A agrupación que dirixe Manuel Villar Touceda xa se proclamou en 2018 gañadora do Certame Galego de Bandas de Música Populares. O pasado verán, foi elixida para interpretar a súa versión en galego de Carmina Burana na Cidade da Cultura.
O Concello transmite a súa felicitación a todos os músicos que forman parte da Banda Municipal, “un orgullo para todos os valgueses”. Para o goberno local este e anteriores logros da agrupación son resultado do grande traballo en materia cultural que se vén realizando dende hai anos a través de entidades coma a Escola Municipal de Música e agora tamén co Centro Superior de Música de Galicia.