- A Consellería de Educación investirá 854.064 euros no acondicionamento do centro de Educación Infantil e Primaria
- Renovarase a cuberta, acondicionaranse aulas e baños e mellorarase a confortabilidade térmica
Valga, 17 de abril de 2020.
A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o proxecto de rehabilitación integral do CEIP Baño-Xanza, no que a Xunta de Galicia investirá 854.064 euros. Ademais, os membros da Xunta tamén aprobaron a concesión da correspondente licenza de obra.
Esta actuación foi anunciada pola Conselleira de Educación, Carmen Pomar, nunha visita que realizou a comezos do mes de marzo ao colexio para comprobar o seu estado e ultimar algúns dos traballos a incluír no proxecto.
No edificio de Educación Primaria, que ten unha superficie de 4.332 metros cadrados e foi construído en 1973, executaranse as seguintes obras:
- A renovación da cuberta e de todos os seus elementos complementarios coma o panel illante, canalóns ou baixantes.
- Melloras na fachada, que será sometida a reparacións e limpeza, colocación de illamento térmico e substitución integral de carpinterías exteriores e vidros, incluídas as persianas e as súas caixas.
- Mellora de elementos construtivos interiores.
- Acondicionamento de aseos, nos que se reformarán as instalacións de fontanería e saneamento, substituiranse os alicatados, pintaranse os teitos, renovaranse os sanitarios e griferías e tamén as carpinterías interiores.
- Melloras xerais coma o pintado e acondicionamento de aulas, o cambio das luminarias por equipos LED ou a eliminación da fosa séptica coa conseguinte conexión á rede xeral de saneamento.
No edificio de Educación Infantil, de construción moito máis recente e que ten 420 metros cadrados de superficie, a principal actuación a realizar será a mellora do illamento térmico.
O obxectivo destas obras é ofrecer ao alumnado do centro unhas instalacións máis cómodas, acolledoras e funcionais para o desenvolvemento da actividade lectiva.
O goberno municipal agarda que a Consellería de Educación saque a licitación o proxecto en canto se levante o Estado de Alarma e se recupere a normalidade na administración, de maneira que as obras poidan executarse antes do comezo do vindeiro curso escolar.