- Os dous eventos ían celebrarse durante o vindeiro mes de maio
- A evolución da pandemia determinará se se fixan novas datas ou se anulan definitivamente
Valga, 14 de abril de 2020.
O goberno municipal de Valga tomou nas últimas horas a decisión de suspender dúas celebracións populares que estaban previstas para as próximas semanas, á vista de que a situción de emerxencia sanitaria polo coronavirus Covid-19 non permitirá a súa realización.
Trátase do Encontro cos Nosos Maiores, que ten lugar tradicionalmente durante o mes de maio e que este ano cumpriría a súa XXIV edición, e a recreación da Batalla de Casaldeirigo, que estaba prevista para o último sábado de maio.
Á vista de que o Estado de Alarma aínda se prolongará durante, alo menos, dúas semanas e de que, aínda que se levante o confinamento, non sería nin aconsellable nin responsable celebrar este tipo de eventos con aglomeración de persoas, o goberno local anuncia a suspensión das dúas celebracións. A evolución da pandemia determinará se, posteriormente, se fixan novas datas ou se, polo contrario, quedan definitivamente anuladas.