- O Centro de Información á Muller continúa prestando asesoramento psicolóxico e xurídico por vía telefónica
Valga, 3 de abril de 2020.
As vítimas de violencia de xénero son un colectivo especialmente sensible durante a situación de confinamento polo coronavirus. A Concellería de Igualdade e Benestar Social lembra a estas mulleres que o CIM continúa prestando asesoramento xurídico e psicolóxico gratuíto a través do teléfono 636 75 79 69 e que teñen á súa disposición varios programas, impulsados tanto polo Goberno do Estado como pola Xunta de Galicia, aos que poden acollerse.
A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta puxo en marcha un Plan de Reforzo para garantir a seguridade das vítimas da violencia de xénero durante a vixencia de Estado de Alarma e para atender, acompañar e protexer ás mulleres co obxectivo de mitigar as situacións de violencia pese ao illamento e ao confinamento domiciliario.
O Plan de Reforzo mantén activo o servizo de atención telefónica 24 horas a mulleres vítimas de violencia de xénero (900400273), que recibe tamén as chamadas procedentes de Galicia que entran a través do 016. Ademais, opera con normalidade o asesoramento xurídico en liña a través do enderezo http://igualdade.xunta.gal/gl/content/asesoramento-xuridico-line e seguen operativas as terapias de apoio psicolóxico, tanto en atención presencial como a través de sesións telemáticas ou telefónicas, ao igual que o contacto coas vítimas de violencia sexual.
As mulleres vítimas e os seus fillos seguen tendo á súa disposición, de forma presencial cando sexa posible e por vía telefónica, o servizo de quenda de garda psicolóxica permanente e especializada que presta apoio nos momentos iniciais de presentación da denuncia. Ademais, realízanse seguementos telefónicos coas vítimas con ordes de protección activas ouás que se lle diten durante o Estado de Alarma.
Tamén se manteñen operativos -en liña, por teléfono ou por correo electrónico- os servizos administrativos de carácter esencial para as vítimas, e o pago de todas as axudas económicas, que ademais seguirán a tramitarse na sede electrónica da Xunta.
Pola súa parte, o Ministerio de Igualdade aprobou un Plan de Continxencia contra a violencia de xénero ante a crise do Covid-19. Este plan conta cunha guía de actuación para mulleres que estean sufrindo violencia durante a situación de permanencia domiciliaria derivada do Estado de Alarma. Este documento pode descargarse premendo AQUÍ.