- O pagamento de taxas que estaban ao cobro queda aprazado ata novo aviso
- Trátase dunha medida extraordinaria para aliviar a situación económica das familias valguesas
Valga, 1 de abril de 2020.
O Concello apraza ata novo aviso o cobro de taxas e impostos municipais como unha medida extraordinaria para contribuír a aliviar a situación económica das familias valguesas a consecuencia da crise do coronavirus Covid-19.
A imposibilidade da maior parte da poboación de continuar coa súa actividade laboral debido ao confinamento e ao Estado de Alarma merma de forma moi importante os seus ingresos e o Concello quere, con esta decisión, minimizar na medida do posible o impacto da crise económica entre os veciños de Valga.
Deste xeito, o Concello suspende e deixa sen efecto o calendario fiscal aprobado no seu día e prorroga ata novo aviso o prazo para o pago en voluntaria das taxas e prezos públicos actualmente ao cobro. Con respecto aqueles outros impostos cuxo período voluntario de pagamento aínda non comezara, queda tamén suspendido o seu inicio ata novo aviso.