- Fumigaron con hipoclorito de sodio os exteriores do Centro de Saúde e dos establecementos que seguen abertos ao público
- Esta é unha das medidas postas en marcha polo Concello para previr contaxios por coronavirus
Valga, 28 de marzo de 2020.
Os servizos de emerxencias de Valga levaron a cabo onte pola tarde unha nova campaña de desinfección en espazos públicos do municipio, como unha das medidas de prevención da expansión do coronavirus postas en marcha polo Concello nas últimas semanas, dende que se decretou o Estado de Alarma e se declarou a situación de emerxencia sanitaria debido ao Covid-19.
Foi a segunda ocasión na que a Policía Local e voluntarios da agrupación de Protección Civil realizaron estas tarefas de limpeza, a anterior durante a pasada fin de semana. Un total de sete efectivos, debidamente equipados e protexidos, fumigaron distintas zonas da vila con hipoclorito de sodio diluído en auga para eliminar a posible carga viral que existira nos espazos públicos.
A desinfección realizouse nos exteriores e en todo o entorno de Centro de Saúde e nos establecementos comerciais e locais públicos que, cumprindo co decreto de Estado de Alarma, manteñen a súa actividade e, polo tanto, están abertos ao público: farmacias,tendas de alimentación, panaderías, caixeiros e entidade bancarias e estancos, entre outros.