- O departamento de Servizos Sociais incorpora a unha traballadora
- Valga rexistrou nas últimas xornadas dous casos positivos en coronavirus, se ben o alcalde pide “tranquilidade e responsabilidade” á poboación
Valga, 27 de marzo de 2020.
O Concello está distribuíndo mascarillas protectoras entre os comercios de Valga que, tal e como recolle o decreto de declaración do Estado de Alarma, deben continúar abertos prestando atención ao público. É o caso de farmacias, oficinas bancarias, tendas de alimentación ou panaderías, entre outros.
Esta medida de prevención de contaxios de coronavirus foi anunciada hoxe polo alcalde, José María Bello Maneiro, despois de ser aprobada pola comisión de seguemento do coronavirus consitituída no Concello. As mascarillas estanse repartindo entre os traballadores destes establecementos que realizan labores de atención ao público para a súa seguridade e a tamén a dos clientes. “A entrega está sendo moi ben recibida debido ás dificultades que existen actualmente para adquirir este material”, explica Bello Maneiro.
Estas dificultades de aprovisionamento foron as mesmas coas que se atopou o Concello. “O Goberno, desbordado, non nos enviou ningún material e por iso decidimos encargar a unha modista de Valga a confección de mascarillas que son as que se están distribuíndo polos locais comerciais”. Estas máscaras pódense lavar e reutilizar, sempre pola mesma persoa.
Ademais, nos últimos días o Concello recibiu tamén un lote de material da Xunta de Galicia integrado por 100 mascarillas, 250 pares de luvas e 15 traxes protectores que se repartiron entre o persoal municipal de áreas como servizos múltiples, atención a domicilio ou recollida de lixo. Tamén se aportou parte do material para a Policía Local e Protección Civil e o resto está sendo distribuído polo departamento de Servizos Sociais en base ás necesidades prioritarias. O Concello agradece á Xunta a iniciativa de colaborar cos Concellos ante as grandes dificultades que existen para atopar este material.
Contratación en Servizos Sociais
Por outra parte, o Concello contratou a unha traballadora social para cubrir a non asistencia doutra empregada dende que se declarou a emerxencia sanitaria. Os servizos deste departamento son dos máis demandadas pola veciñanza nestes momentos de dificultade, de aí que o goberno municipal decidise garantir a súa correcta prestación.
Neste sentido, o alcalde lembra que está en funcionamento dende a declaración do Estado de Alarma un servizo de atención a persoas maiores que viven soas para atender as súas necesidades básicas e aportarlles alimentos ou medicamentos se así o precisan. Os números de teléfono que teñen á súa disposición son o 986 55 94 56 e o 659 06 37 14.
Nas últimas horas confirmáronse os dous primeiros casos positivos por coronavirus no municipio. O alcalde pide tranquilidade á veciñanza pero tamén moita precaución. “Alarma non, quedar na casa e tomar todas as medidas preventivas, si”, pide Bello Maneiro aos valgueses. “Debemos ser responsables e cumprir coas medidas establecidas no decreto de declaración do Estado de Alarma. Polo noso ben, das nosas familias e polo ben de todos”.
O rexedor reitera, unha vez máis, que ante calquera síntoma que poida indicar un contaxio de coronavirus (tose seca, febre, dificultade respiratoria...) non se fagan desprazamentos ao Centro de Saúde nin ao ningún outro centro sanitario. Débese chamar ao número 900 400 116 (ou 986 55 62 40 só para pacientes adscritos ao Centro de Saúde e PAC de Valga) e seguir as instrucións que se lle darán por teléfono.