- Cando finalice o Estado de Alarma aprobarase un novo calendario fiscal para o pagamento dos tributos
- As oficinas están pechadas pero reforzouse a atención telefónica e telemática á cidadanía
Valga, 23 de marzo de 2020.
A Deputación de Pontevedra vén de comunicar ao Concello que o ORAL, órgano de xestión tributaria e catastral, interrompeu os prazos de pagamento de taxas debido ao Estado de Alarma e á situación de emerxencia sanitaria a consecuencia do coronavirus.
En concreto, o ORAL informa que queda prorrogado ata novo aviso o período de pago voluntario das taxas que actualmente estaban ao cobro nos concellos da provincia, entre eles o de Valga. O calendario fiscal que fora aprobado no seu día queda automaticamente prorrogado. A Deputación explica que, unha vez finalizado o Estado de Alarma, procederase a publicar un novo calendario fiscal para o presente exercicio.
Hai que ter en conta que, en cumprimento do o Real Decreto 463/2020 polo que se declara o Estado de Alarma, as oficinas do ORAL están pechadas temporalmente e queda suspendida con carácter xeral a atención ao público en todas as áreas, servizos e unidades, coas excepcións dos considerados servizos esenciais.
Segundo a información transmitida pola Deputación, declaráronse como servizos esenciais os seguintes: o Call Center, O.P. de Caldas de Reis, O.P. de Lalín, O.P. de A Estrada, O.P. de Sanxenxo, O.P. de Porriño, O.P. de Ponteareas, O.P. de Vilanova, O.P. de Cambados, O.P. de Moaña, O.P. de Cangas, O.P. de Nigrán e varios postos nos servizos de xestión e recadación, así como os xefes dos distintos servizos do ORAL.
Para suplir na medida do posible a atención presencial, reforzáronse a atención telefónica (886 211 400) e a oficina virtual tributaria (https://ovt.depo.gal), canles a través das que a cidadanía pode seguir realizando consultas.