- O procedemento de licitación retomarase cando se normalice a situación restando por transcorrer 22 días
Valga, 16 de marzo de 2020.
Debido á situación extraordinaria motivada pola declaración de Estado de Alarma, o Concello de Valga informa que queda paralizado o procedemento de licitación do servizo de xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción.
O prazo de presentación de ofertas queda interrompido cando tiñan transcorrido unicamente catro dos 26 días cos que contaban as empresas para presentar as súas propostas.
O proceso retomarase unha vez se normalice a situación restando, polo tanto, 22 días de prazo, tal e como indica o acordo do Centro de Coordinación Operativa da Xunta de Galicia, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19. Este acordo recolle, no seu punto sétimo, que “interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o presente acordo ou, se é o caso, as prórrogas deste”.