Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A devolución do prezo das entradas pode solicitarse a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

- Tamén quedan anulados os festivais solidarios de Nydia, a Escola Infantil e o Club Karate que ían celebrarse no Auditorio

RPFluvialFestvial1

Valga, 11 de marzo de 2020.

O Concello de Valga e a empresa organizadora do “Fluvial Festival” decidiron aprazar a celebración deste evento, previsto para o sábado 14 na praia fluvial de Vilarello, como medida preventiva ante o coronavirus. Así o anunciaron esta mañá o alcalde, José María Bello Maneiro, o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e Uxío Lorenzo, representante da empresa Versity, promotora do festival.

“As circunstancias aconsellan non celebralo. O Concello, como responsable da concesión de autorización para esta actividade, e a empresa non podemos garantizar que o festival non se convirta nun foco de contaxio”, tendo en conta que había vendidas máis de 1.000 entradas e que ían chegar a Valga “mozos de toda Galicia e de distintos puntos de España. Entre eles había varias confirmacións de Madrid, onde hai un foco importante de coronavirus”, explicou Bello Maneiro.

O alcalde pediu desculpas ás persoas que poidan sentirse perxudicadas por esta decisión, pero “a situación é a que é, temos que asumila e cremos que esta é a decisión máis seria, sensata e responsable pola nosa parte”. Iso si, o rexedor quixo trasladar á veciñanza unha mensaxe de calma e tranquilidade. “Non queremos alarmar a ninguén, pero vemos preciso adoptar esta medida por precaución”.

O Concello e a empresa buscarán unha nova data para celebrar o “Fluvial Festival” en función de como se desenvolvan os acontecementos. “É unha actividade na que tiñamos postas moitas ilusións, porque eran moitos os mozos que ían reunirse en Valga. Ademais é unha cita que está pensada con vocación de continuidade e non como un evento puntual para este ano”, remarcou Bello Maneiro. Uxío Lorenzo, pola súa parte, explicou que “estudaremos unha nova data con todas as partes implicadas na organización e realización do festival. Algúns dos artistas manteranse igualmente no cartel e outros quizais teñan que substituírse, pero intentaremos manter tanto o número de actuacións coma o nivel de calidade”.

O representante da empresa organizadora informou que todas aquelas persoas que tiveran mercadas entradas para o festival poden solicitar a devolución do importe a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou das redes sociais da compañía.

Suspendidos varios festivais no Auditorio Municipal

Ademais do “Fluvial Festival”, o Concello tamén decidiu suspender varias actividades que estaban previstas para os próximos días no Auditorio Municipal e que, previsiblemente, ían concentrar a un número considerable de persoas.

Trátase do festival “E ti, de quen ves sendo?”, da asociación Nydia de Vilagarcía (programado para este sábado 14), o festival solidario da Escola Infantil Municipal (previsto para o mércores 18) e o festival solidario do Club de Karate Valga (domingo 22). Aínda que as recomendacións feitas polas autoridades sanitarias –tanto a nivel nacional coma en Galicia– para previr a expansión do coronavirus permitirían a celebración destas actividades, o Concello considera que o máis prudente é suspendelas tendo en conta que no Auditorio está situado o Centro de Día para maiores, un colectivo especialmente vulnerable ante esta enfermidade.

O goberno municipal lamenta que estes tres festivais non se celebren nestes momentos e fai un recoñecemento ao grande esforzo e traballo que os organizadores tiñan realizado para poder levalos a cabo. Por iso agarda que poidan volver a programarse como parte das actividades culturais do Auditorio nos vindeiros meses.

 

RPFluvialFestvial2

Volver