- A responsable autonómica, á que acompañaron o alcalde e a concelleira de Educación, puxo en valor a escola do rural
- Bello Maneiro reiterou a próxima meta do Concello en materia educativa: instaurar o Bacharelato de Artes no instituto
Valga, 10 de marzo de 2020.
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, estivo esta mañá en Valga para visitar dous dos centros educativos do municipio: o CRA, co que celebrou o seu vixésimo aniversario, e o CEIP Baño-Xanza, para o que a Xunta elabora un proxecto de rehabilitación integral. Na visita estivo acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e os edís Pedro Calvo e Malena Isorna.
No Centro Rural Agrupado (CRA) reuníronse para recibir á conselleira os nenos das seis escolas que o integran: Chenlo, Campaña, Ferreirós, Xanza, Vilarello e Forno. Participaron nunha xornada de convivencia con actividades coma robótica, realización de experimentos e unha sala con luz negra. Carmen Pomar interesouse polo proxecto educativo que ten en marcha o CRA e que puido ver resumido nun vídeo de presentación.
A conselleira puxo en valor a escola do rural, á que se referiu como “unha escola vencellada ao territorio pero que vai máis alá dunha ubicación xeográfica. É un proxecto educativo diferente e en Galicia temos a sorte de contar con este tipo de centros con profesionais tan bos e implicados e nenos que teñen o privilexio de vivir aquí e recibir unha ensinanza coa mesma calidade que a das grandes vilas e cidades”. As escolas unitarias, incidiu, “son un eixo vertebrador da vida no rural” e animou ás familias a apostar por elas e a “aproveitar os servizos existentes no rural” para garantir a súa continuidade.
O director do CRA, Adrián Baloira, definiu a xornada de hoxe como “un éxito para a escola rural”. “Defendemos”, engadiu, “un tipo de ensinanza diferente, que aposte pola relación co entorno e máis individualizada, con grupos reducidos”. O máximo responsable do equipo directivo agradeceu o apoio da Consellería aportando, por exemplo, unha auxiliar de conversa en inglés, e a colaboración constante por parte do Concello para seguir crecendo e mellorando. “Grazas ás dúas administracións contamos con escolas marabillosas”.
Tralo seu paso polo CRA, a conselleira desprazouse ao colexio Baño-Xanza, o máis antigo e con máis alumnado de Valga. Alí puido comprobar de primeira man a situación das súas instalacións, que están preto de cumprir os cincuenta anos, e para as que se está elaborando un proxecto de rehabilitación integral. A conselleira avanzou que se investirán arredor de 850.000 euros e que se mellorarán aspectos coma a carpintería exterior, as luminarias ou a confortabilidade térmica, entre outros. “Son consciente das necesidades do centro”, explicou Carmen Pomar, “e esperamos que este proxecto se leve a cabo pronto”.
O alcalde, José María Bello Maneiro, agradeceu a visita da conselleira e a “colaboración continua” entre o Concello e a Xunta de Galicia en materia de Educación. Grazas a este traballo conxunto, prognosticou, “seguro que haberá boas novas para Valga pronto”. O rexedor dixo que “para min como alcalde é un orgullo poder dicir que os nenos de Valga poden cursar no municipio as diferentes etapas da ensinanza dende os 0 anos e ata a universidade” e lembrou o próximo obxectivo polo que está a traballar o goberno municipal: incorporar o Bacharelato de Artes á oferta educativa do IES.