- A adxudicataria deberá pagar un canon mínimo de 1.412’80 euros anuais e estará obrigada a subrogar ao persoal
- A ordenanza municipal establece que o servizo será gratuíto para as persoas empadroadas en Valga
Valga, 10 de marzo de 2020.
A Corporación municipal de Valga aprobou, no Pleno extraordinario celebrado onte, o expediente de contratación do servizo de xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción.
Os pregos polos que se rexerá a licitación indican que as empresas que queiran optar á adxudicación do servizo deberán ofertar un canon anual mínimo de 1.412’80 euros.
A empresa concesionaria estará obrigada a asumir a xestión e explotación do Punto Limpo e da Planta de Residuos da Construción, realizar a recollida de voluminosos e enseres como mínimo unha vez ao mes, levar a cabo a recollida, xestión e limpeza dos contedores de envases lixeiros (amarelos) e de papel e cartón (azuis). Tamén deberá subrogar ao persoal –un condutor e dous peóns–, deberá facerse cargo dos residuos que xa están depositados nas instalacións e darlle o tratamento axeitado e asumirá o mantemento da maquinaria e a contratación das pólizas de seguros necesarias.
O concesionario non poderá acumular máis de 2.000 metros cúbicos de residuos sen reciclar e outros 2.000 de material reciclado e será tamén a responsable da xestión, tratamento e mantemento dos centros de compostaxe comunitaria emprazados no Punto Limpo ou na Planta de Residuos da Construción.
O contrato terá unha duración inicial de 5 anos, prorrogables ata un máximo de 15 e o servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, que obterá a rendibilidade económica das tarifas que percibirá dos usuarios polo depósito de residuos. Os prezos serán os recollidos na ordenanza municipal, na que se establece un mínimo de 3 euros por entrega, a gratuidade do servizo para os empadroados en Valga e un límite máximo ao depósito que poden realizar os mesmos de xeito gratuíto. Tamén poderá obter beneficios da xestión dos envases lixeiros e do papel e cartón, así como da venda de chatarra.
O Punto Limpo e a Planta de Residuos da Construción deberán abrir un mínimo de tres días á semana de 9 a 13 e de 15 a 19 horas. Os residuos mínimos admisibles serán os seguintes: voluminosos de liña branca (frigoríficos, lavadoras e grandes electrodomésticos), voluminosos de liña marrón (colchóns, somieres e mobiliario de uso común), aparellos eléctricos e electrónicos, vidro, restos orgánicos de poda e limpeza vexetal doméstica, papel e cartón, metais, envases lixeiros, roupa usada e textís, fluorescentes, aceites doméstico e mineral, envases de disolventes, pinturas e vernices, escombros procedentes de obras, pilas de uso doméstico, madeira. Asimesmo, a empresa concesionaria deberá realizar o baleirado e transporte de lodos da depuradora municipal a un centro autorizado para o seu tratamento.
Este punto foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno.
Ademais, o Pleno aprobou por unanimidade delegar no ORAL da Deputación de Pontevedra as facultades de recadación executiva dos ingresos de dereito público que se atopen pendentes de cobro na Tesourería municipal.
Na sesión extraordinaria realizouse o sorteo das mesas para as eleccións autonómicas do vindeiro 5 de abril.