- O alcalde estreou coa súa sinatura o Libro das Mulleres de Valga
- As actividades conmemorativas o 8-M continúan cun ciclo de conferencias sobre igualdade e a proposta “Conversa entre mulleres”
Valga, 9 de marzo de 2020.
O Auditorio Municipal acolleu onte a homenaxe a un total de dezaseis mulleres valguesas profesionais das Ciencias da Saúde, un acto que o Concello conmemorou o Día Internacional da Muller.
As veciñas que foron recoñecidas coa entrega dunha insignia e un diploma son:
- Josefa Bouzón Ríos, de Cerneira (Setecoros): técnica en coidados auxiliares de enfermería e técnica especialista en anatomía patolóxica
- Mª Celia Canedo Magariños, de Valga: médica na especialidade de Psiquiatría
- Fátima Castro Castiñeiras, de Balleas (Cordeiro): terapeuta ocupacional e psicóloga
- Mª Carmen Castro Tato, da Devesa (Campaña): diplomada universitaria en enfermería
- Rebeca Cordo Castañeda, de Reguengo (Setecoros): terapeuta ocupacional
- Teresa Devesa Iglesias, de Forno (Cordeiro): diplomada universitaria en enfermería
- Inés Gómez García, de Forno (Cordeiro): técnica en coidados auxiliares de enfermería
- Raquel González Castroagudín, de Carballiño (Xanza): médica na especialidade de Psiquiatría
- Sonia González Castroagudín, de Carballiño (Xanza): diplomada universitaria en enfermería e matrona
- Mercedes Isorna Castro, de Forno (Cordeiro): diplomada universitaria en enfermería
- Mª Dolores Lestido García, de Eiras (Cordeiro): auxiliar de enfermería
- Ester Ordóñez Dios, de Laxes (Cordeiro): veterinaria
- Manuela Pérez Pardal, da Devesa (Campaña): médica
- Felisa Portela Aguiar, de Sixto (Xanza): diplomada universitaria en enfermería
- Cándida Rodríguez Ferro, da Devesa (Campaña): psicóloga
- Iria Varela Río, de Sixto (Xanza): diplomada en logopedia
No transcurso do acto as protagonistas asinaron no Libro das Mulleres de Valga, unha edición simbólica que tamén foi rubricada polo alcalde e que continuará enchéndose de talento en feminino en vindeiras edicións desta homenaxe e do Día da Muller, como unha forma de seguir reflexionando sobre os avances logrados polas mulleres, reclamar máis pasos adiante en prol da igualdade real e efectiva e celebrar a valentía e determinación daquelas pioneiras, mulleres que abriron camiño e que xogaron un papel clave na historia. Nesta idea incidiron tanto o alcalde, José María Bello Maneiro, coma a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, nos seus discursos.
A celebración pechouse cunha actuación de solistas da Escola Municipal de Música. Laura Blanco, Miriam Magariños e Sara Bandín interpretaron “Serenata para 3 clarinetes” de Mozart.
Continúa a programación conmemorativa
As actividades para conmemorar o 8 de marzo organizadas polo Concello de Valga continúan nas vindeiras semanas con citas coma o ciclo “Muller e igualdade” que se está a celebrar todos os luns de marzo na Aula CeMIT e que aborda temáticas coma a linguaxe igualitaria, o empoderamento ou a historia feita por mulleres.
O venres, día 13, terá lugar no Auditorio a partir das 18:30 horas unha “Conversa entre Mulleres”, unha iniciativa de formación e empoderamento feminino financiada a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A temática a tratar será a “Recuperación do chan pélvico e tonificación abdominal”, coa participación dunha especialista. O prazo de inscrición está aberto ata mañá martes.
Para pechar a programación, o luns día 30 Lucía Freitas, chef do restaurante compostelano A Tafona cunha estrela Michelin, participará nunha conferencia con alumnado do IES de Valga, no marco da campaña “Nin + nin -, iguais”, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.