- Na reunión participaron 24 rexedores e presidentes de cámaras de Portugal e Galicia
- A ruta, que discorre por Parafita, Martores e Laceiras, conta con máis de 500 credenciais distribuídas en menos dun ano
Valga, 9 de marzo de 2020.
O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu o venres no concello de A Cañiza a un encontro internacional para potenciar a Vía Mariana entre Braga e Muxía e que discorre, nunha das súas etapas, por Valga.
Alí reuníronse 24 alcaldes e presidentes de cámaras de Portugal e Galicia para analizar e debatir sobre as accións conxuntas a desenvolver polos máis de setenta promotores que forman parte desta ruta, entre institucións públicas e privadas, asociacións e particulares.
A Vía Mariana é unha ruta bidireccional que une Braga con Muxía e ten unha lonxitude de 382 quilómetros divididos en 18 etapas. A número 12, entre Cuntis e Padrón, discorre por Valga, entrando por Paratifa e pasando polas fervenzas e pola Capela dos Martores, que algúns autores como José Guerra Campos sinalan como lugar de enterramento do herexe Prisciliano. Ademais, o albergue do Pino é un dos que se sinala como lugar de pernocta para os peregrinos.
A posta en marcha desta iniciativa, que en menos dun ano xa conta con 500 credenciais distribuídas, obedece aos obxectivos de favorecer as zonas rurais polas que transcorre o trazado, fixar poboación nas mesmas e divulgar a súa riqueza paisaxística e patrimonial. De feito, os alcaldes asistentes manifestaron o gran potencial que supón esta vía para frear a despoboación do rural e para dinamizar e promover accións revitalizadoras.
A Vía Mariana únese, deste xeito, a outras rutas de peregrinación que xa discorren por Valga, como o Camiño Portugués a Santiago, a ruta marítimo-fluvial do Mar de Arousa e Ulla, a ruta Padre Sarmiento ou o Camiño Real. O alcalde salientou que o Concello seguirá apoiando calquera iniciativa que axude a atraer visitantes ao municipio, dinamizar a economía e crear emprego.