Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Esta fin de semana celébrase a XIV Exposición da Camelia “Bella Otero”

- A asociación Nydia e o Club Karate Valga reunirán fondos para ASDENT e a Escola Infantil organiza un evento a favor da Fundación Andrea

auditoriooo

Valga, 4 de marzo de 2020.

O Auditorio Municipal acolle durante o mes de marzo actividades de moi diversa índole, dende propostas musicais a varios festivais solidarios e tamén actos sobre igualdade con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que se conmemora o 8 de marzo.

Entre estos últimos, destaca a homenaxe que se renderá o vindeiro domingo a un grupo de mulleres profesionais das Ciencias da Saúde. Ademais, o venres 13 terá lugar ás 18:30 horas a actividade “Conversa entre Mulleres”, unha iniciativa de formación e empoderamento feminino financiada a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A temática a tratar será a “Recuperación do chan pélvico e tonificación abdominal”, coa participación dunha especialista. O prazo de inscrición está aberto ata o día 10 de marzo. Por último, o luns día 30 a chef Lucia Freitas, cunha estrela Michelin, impartirá unha conferencia ao alumnado do IES de Valga no marco da campaña “Nin + nin -, iguais”, da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Nas vindeiras semanas tamén se celebrarán varios festivais con carácter benéfico. Dous deles xuntarán fondos para a asociación ASDENT e para o neno Hugo, diagnosticado coa enfermidade de Dent, unha doenza xenética considerada rara e que afecta á función dos riles. A asociación Nydia de Vilagarcía chegará o sábado 14 ao Auditorio de Cordeiro co espectáculo de imitacións musicais “E ti, de quen ves sendo?”, que reunirá a máis de 100 persoas en escena para realizar coreografías e cantar en directo. Haberá dúas funcións, unha ás 17:30 e outra ás 20 horas e o prezo da entrada é de 3 euros, que se doarán integramente á causa de ASDENT.

O Club Karate Valga súmase igualmente á solidariedade con esta asociación e con Hugo, celebrando o domingo día 22 a partir das 18 horas un festival benéfico con entrada de balde. E para completar os actividades con carácter solidario, o día 18 de marzo á 16 horas a Escola Infantil Municipal organiza un festival para recadar fondos para a Fundación Andrea, que axuda a nenos diagnosticados con doenzas crónicas ou terminais e ás súas familias. Haberá actuacións, obradoiros, sorteo de agasallos doados por distintos colaboradores, un mercado solidario e merenda.

Outro grupo de actividades incluídas na programación mensual do Auditorio están relacionadas coa música. Este venres o Centro Superior de Música organiza unha das audicións do concurso World Music Competition, e o venres e o sábado terá lugar unha masterclass de saxofón a cargo de Marie-Bernadette Charrier.

Para o sábado 21 está programado un concerto de solistas da Escola Municipal de Música e o mercores 25 será o alumnado do Centro Superior de Música o que actúe no Auditorio. Nos dous casos as actuacións comezarán ás 20 horas e a entrada é de balde.

Ao longo do mes haberá, ademais, outras propostas culturais e lúdicas coma a XIV Exposición da Camelia “Bella Otero”, que terá lugar esta fin de semana e na que poderán verse traballo e composicións florais realizados por veciños e colectivos de Valga. 

Por outra parte, o venres 13 celébrase o XII aniversario do Centro de Día coa representación, a partir das 11:30, do espectáculo “O berce dos contos”, de Alentía Teatro. Asistirán usuarios de varios centros de día da contorna.

E, por último, o venres 27 a biblioteca municipal celebra un obradoiro de monicreques gratuíto para nenos.

Volver