- Tamén se retransmitirá unha videoconferencia sobre consumo responsable e sostible
- Todas as actividades son gratuítas, aínda que é preciso inscribirse con anterioridade no Concello ou no Auditorio
Valga, 28 de febreiro de 2020.
A ciberseguridade será unha das temáticas centrais da programación da Aula CeMIT de Valga para as vindeiras semanas. As ameazas e perigos que poden afectar aos usuarios de internet son múltiples e é convinte saber como protexerse deles. Sobre isto versará a charla programada para o vindeiro mércores, 4 de marzo, entre as 10 e as 11 da mañá e dirixida a cidadanía en xeral e tamén a empresas.
A conferencia retransmitirase por videoconferencia dende o Centro Demostrador TIC e o seu contido será moi pouco técnico, xa que estará centrado en historias reais que describen ataques sufridos por algúns usuarios, os problemas aos que se enfrontan as vítimas, as solucións que se poden adoptar e como evitar as distintas ameazas.
Falarase sobre fraudes e estafas, extorsións, roubos de información, secuestro de datos, ciberacoso e outros perigos en dispositivos móbiles. Os asistentes non necesitarán ningún tipo de soporte dixital para participar na actividade.
O luns 9 de marzo a partir das 12 horas terá lugar unha nova videoconferencia, neste caso sobre “Consumo responsable e sostible”, na que se ofrecerán aos asistentes unha serie de parámetros para actuar como consumidores responsables, informándose sobre as características de cada produto e servizo para elixir aqueles que realmente se adapten ás súas necesidades.
Ademais, ao longo deste mes e ata a primeira semana de abril desenvolverase o ciclo de charlas “Turismo e tecnoloxía”. Coa expansión de Internet e a facilidade de acceso á información, é frecuente que moitas das nosas viaxes comecen no teléfono, tableta ou ordenador, xa que resulta moi sinxelo abrir o navegador web e buscar ofertas tanto de aloxamentos como de transportes ou calquera outra cuestión que queiramos planificar.
A primeira sesión deste ciclo terá lugar o venres, 6 de marzo, a partir das 10:30 horas e baixo o título “O teu kit online para descubrir lugares con encanto”. Explicarase como utilizar diferentes aplicacións para planificar viaxes e organizar saídas, métodos de búsqueda para obter indicacións de lugares ou a consulta de guías, entre outras cuestións.
As seguintes datas do ciclo serán o 13, 20 e 27 de marzo e o 3 de abril, sempre en horario de 10:30 a 11:30 horas. As temáticas a tratar son: “Descubre a través da rede actividades de ocio na túa cidade sen gastar unha fortuna”, “Apps de gastronomía e turismo para gozar das túas viaxes”, “Crea o teu álbum dixital de cada viaxe” e “Turismo cultural para vivir novas experiencias”.
Todas estas actividades son gratuítas e para participar nelas é preciso inscribirse con anterioridade no Concello (986 55 67 69) ou no Auditorio (986 55 94 56).