Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A mostra abrirá ao público mañá a partir das 13 horas e contará con traballos e composicións florais realizados por distintos colectivos

- Tamén haberá actuacións musicais a cargo da Rondalla O Castro e a Coral Cantigas do Castro

expocamelia18

Valga, 6 de marzo de 2020.

A Exposición da Camelia “Bella Otero” encherá de colorido o Auditorio Municipal durante esta fin de semana. Celébrase a décimo cuarta edición deste evento, organizado pola Asociación de Mulleres Rurais “Albor” coa colaboración do Concello de Valga.

Serán dous días para gozar da flor de Galicia por excelencia e contemplar as composicións e traballos florais que se exporán na planta baixa do Auditorio, elaborados a maioría por colectivos, asociacións e particulares de Valga afeccionados á camelia.

A mostra abrirá ao público a partir das 13 horas de mañá sábado, con entrada de balde. Pola tarde, ás 19 horas, entregaranse os recoñecementos aos participantes e, a continuación, haberá actuacións musicais a cargo da Rondalla O Castro e a Coral Cantigas do Castro.

O domingo a exposición permanecerá aberta durante toda a xornada, a partir das 11 da mañá.

A presidenta da asociación “Albor”, Rosa Crespo, avanza que na exposición se poderá ver moi boa flor porque “este foi un bo ano de camelia ao non haber moitas xeadas”. Por iso anima a veciños e visitantes a que acudan ao Auditorio porque “as flores que se amosarán serán moi bonitas e os centros creados pola xente de Valga son cada ano mellores”.

A presidenta destaca, ademais, que no noso municipio “hai grandes coleccionistas de camelia. Moitos deles afeccionáronse ao cultivo desta flor precisamente a través da exposición que se organiza cada ano, xa que sempre regalamos aos participantes unha planta de camelia e iso permítelles ir agrandando a súa colección”.

CAMELIA2020

Volver