- A mostra inaugurouse o sábado coa presenza da artista, que reside en Londres
- A colección pode verse durante todo o mes de marzo no Auditorio Municipal
Valga, 3 de marzo de 2020.
A valguesa Sandra Souto Gontad é a protagonista durante o mes de marzo na sala de exposicións do Auditorio Municipal, na que xa pode verse a súa mostra “Contos de fadas”, integrada por arredor de 25 ilustracións de moda, unha das grandes paixóns da artista.
Sandra Souto, de 32 anos, é natural de Reguengo (Setecoros), aínda que reside en Londres dende hai 7 anos. Trasladouse á capital británica, en principio, para aprender inglés e máis tarde decidiu quedar por motivos laborais. Traballa como deseñadora de xoias e “ao ter unha profesión creativa tiña máis posibilidades de atopar traballo, xa que hai máis oferta”, comenta. Aínda así, mantén o contacto continuo coa súa terra natal e cada tres ou catro meses viaxa a Valga para ver á súa familia e achegados.
Na súa última visita, a pasada fin de semana, aproveitou para inaugurar a exposición “Contos de fadas”, que está formada por ilustracións nas que se relacionan dúas das grandes paixóns de Sandra, a moda e natureza. “Son dúas temáticas constantes nas miñas obras, dalgún xeito estas dúas ideas van sempre unidas cando debuxo e fusiónanse ata xerar un mundo máxico imaxinario”, explica.
As súas ilustracións, como pode verse no Auditorio, caracterízanse polo uso de cores alegres e vibrantes con liñas elegantes e delicadas. Céntranse na figura feminina, polo xeral o retrato dunha muller rodada de elementos da natureza.
O debuxo está presente na vida de Sandra Souto dende pequena. Iniciouse nesta disciplina como autodidacta e, posteriormente, comezou a formarse asistindo a clases tanto de pintura coma de debuxo. Estudou Bacharelato artístico, publicidade e deseño de moda. Actualmente aínda asiste a sesións mensuais con modelos e tamén procura ir a feiras de moda para seguir relacionada con ese mundo.