Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O garda forestal xubilado José Carlos Rodríguez impartiu esta mañá unha charla a estudantes de 5º e 6º de Primaria

- En datas vindeiras terá lugar unha plantación de árbores con motivo do Día Forestal Mundial

CharlaIncendios1

Valga, 27 de febreiro de 2020.

A Comunidade de Montes de San Miguel de Valga continúa traballando arreo para transmitir ás novas xeracións a importancia do medio rural, inculcando aos máis mozos valores ambientais e o respecto polo entorno natural. Con ese obxectivo celebrouse esta mañá no CEIP Baño-Xanza unha charla impartida polo garda forestal xubilado José Carlos Rodríguez Fernández á que asistiron arredor de 70 estudantes de 5º e 6º cursos de Educación Primaria.

Esta actividade xa se leva realizando varios anos no centro como unha medida para previr os incendios forestais. O ano pasado, por exemplo, abordárase co alumnado a perigosidade de realizar queimas nas inmediacións de zonas poboadas. Nesta ocasión o tema central da conferencia foi a defensa dos núcleos de poboación e dos montes mediante a creación de faixas de protección con especies frondosas que freen o avance dos incendios e actúen coma cortalumes naturais.

O garda forestal chamou, ademais, a atención sobre o cambio que se está producindo nos útlimos anos na tipoloxía de incendios forestais en Galicia. “Antes había moitos incendios e pequenos, agora hai poucos e moi grandes”, unha circunstancia que achaca, entre outras causas, ao abandono do monte e á falta de xestión das zonas forestais. Neste sentido, lembrou o último incendio no que actuou en Valga e que afectou á parroquia de Setecoros. “O fogo avanzou dende a zona de Catoira e queimou máis de 500 hectáreas, unha barbaridade” tendo en conta as graves consecuencias que causa o lume.

Non só provoca grandes danos ecolóxicos, senón que tamén xera danos físicos como a alteración do terreo e produce danos económicos para a comunidade, obrigando a facer importantes investimentos para a recuperación do terreo e poñendo en risco bens e persoas.

A charla contou coa asistencia do presidente da Comunidade de Montes de San Miguel, Manuel Aboi, e un representante da ANPA. Esta actividade educativa terá continuidade en datas vindeiras, cando se levará a cabo unha plantación de especies arbóreas autóctonas no monte de San Miguel para conmemorar o Día Forestal Mundial.

CharlaIncendios2 CharlaIncendios3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver