Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Dirección Xeral de Patrimonio destaca que os restos que se conservan son “únicos” en Galicia

- A resolución da Xunta conleva a protección inmediata dos bens conforme a Lei de Patrimonio Cultural

torreta vagonetas

Valga, 27 de febreiro de 2020.

A Consellería de Cultura e Turismo anunciou hoxe a través do Diario Oficial de Galicia a incoación do expediente para declarar como Bens de Interese Cultural (BIC) a antiga liña de vagonetas e o embarcadoiro de carga e descarga de mercadorías pertencentes á industria cerámica Novo y Sierra, desaparecida en 2009.

A resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten como consecuencia que o funicular de transporte aéreo de materiais e os restos do embarcadoiro se anoten de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e a incoación será comunicada tamén á Administración do Estado. Ademais, a estes bens pasa a aplicárselles de forma automática o réxime de protección establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, que implica a máxima protección e tutela para os restos que perviven hoxe en día: sete torres, catro delas completas, e parte do embarcadoiro. Estes oito elementos serán os que conformen o BIC.

Para adoptar esta decisión a Xunta de Galicia tivo en conta a excepcional singularidade da antiga liña de vagonetas, xa que permite transmitir como era o funcionamento das explotacións mineiras da época. A Dirección Xeral de Patrimonio destaca que se trata dun “exemplo único en Galicia”. En concreto, indica que “o funicular de transporte aéreo de materiais constitúe o único exemplo desta tipoloxía” que se conserva na nosa comunidade en relación a un tipo de industria, a da produción cerámica, que no seu día estivo moi presente e foi moi relevante en Galicia e, especialmente, no Baixo Ulla.

Unha infraestrutura construída en 1927

A resolución da Consellería de Cultura recolle parte da historia desta infraestrutura, que data do ano 1927. Aínda que a actividade industrial que deu orixe ao transporte de vagonetas comezou uns anos antes, en 1921, cando se instalou na Gándara (Campaña) unha primeira casa para cocer tella e ladrillo, nunha zona na que xa existían barreiras que se viñan empregando, alo menos, dende o século XVIII.

Esta primeira compañía foi cedida, en 1923, a empresarios cesureños dedicados ao comercio de ultramarinos, Escudero & Cía, cos socios de Novo y Sierra, que solicitaron o permiso de explotación de caolín e arxila da sociedade anterior e doutros terreos propiedade dos veciños de Campaña. Esta empresa introduciu xa unha industrialización precoz co uso de enerxía mecánica de vapor, gas e electricidade, fornos de cocción continua, secado de pezas con vapor, etc. Isto permitiulle acadar unha posición destacada en Galicia.

Nesta situación, resultaba necesaria a instalación dun sistema de transporte entre o lugar de produción e aprovisionamento, polo que en 1927 consta a solicitude de autorización para construír o embarcadoiro e un sistema funicular para levar ata el os materiais dende as barreiras da mina Mercedes. Con esta infraestrutura a empresa acadou unha posición de vantaxe no manexo e transporte de grandes volumes de materiais.

O Concello leva anos realizando xestións co obxectivo de recuperar esta antiga liña de vagonetas aéreas con fins turísticos. O proxecto foi aprobado no Pleno celebrado a semana pasada e o seu orzamento ascende a 3,9 millóns de euros. Nesa mesma sesión aprobouse tamén o proxecto para a instalación dun pantalán no lugar no que se conservan os restos do embarcadoiro de Novo y Sierra. Esta actuación, valorada en 332.439’27, será financiada íntegramente por Portos de Galicia.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver