- Haberá food trucks con comida, sesión vermú, música en directo, inchables e xogos e actividades para nenos
- As entradas, entre 3 e 12 euros, poden adquirirse online e en puntos de venda físicos
Valga, 22 de febreiro de 2020.
A praia fluvial de Vilarello será escenario, o vindeiro 14 de marzo, da primeira edición do “Fluvial Festival”, un evento dirixido a todos os públicos, con romería durante o día e actuacións musicais pola noite.
A actividade diurna concentrarase na zona do auditorio ao aire libre e nos arredores do pantalán. Haberá food trucks con distintos tipos de comida, pulpería, outros postos de venda, barra de bebidas, sorteo de agasallos e sesión vermú amenizada por unha discoteca móbil e unha cantante en directo. A entrada á romería ten un prezo de 3 euros por persoa.
A apertura de portas terá lugar ás 10 da mañá e o peche ás 18 horas. Os nenos menores de 12 anos poderán acceder gratis acompañados de, alo menos, un adulto. Contarán con inchables, xogos e outras actividades, ás que terán acceso ilimitado adquirindo unha pulseira polo prezo de 3 euros.
Pola noite, a partir das 20 horas e ata as 5 da madrugada, haberá actuacións musicais a cargo de varios disc-jockeys. Para este festival están xa confirmados varios artistas: Groove Amigos, Dj Prieto (de Pachá La Pineda, en Barcelona), Carlos Pintor (considerado un dos mellores DJs de Malta), e os galegos Carlos López e Kike Varela. En datas próximas haberá novas incorporacións ao cartel.
O escenario estará emprazado na zona da praia fluvial, que estará valada. Haberá barra, food trucks con comidas, aseos e servizos de ambulancia e seguridade, entre outros. Para as persoas que queiran desprazarse dende outras localidades de Galicia estarán dispoñibles varias liñas de autobuses.
O aforo máximo estimado é de 5.000 persoas e as entradas poden adquirirse por 12 euros, incluíndo unha consumición. Os menos entre 14 e 16 anos só poderán asistir ao festival de DJs acompañados por un adulto e, entre os 16 e 18 anos, con autorización asinada polos seus pais ou titores.
As entradas poden adquirirse online a través das seguintes páxinas web:
- Romería diurna, pulseira para actividades e festival de DJs: https://www.wegow.com/es-es/compra/fluvial-festival
- Festival de DJs e reserva de autobuses: https://www.versity.es/tripreserva.php?id=243
Tamén poden mercarse tíckets fisicamente en Valga e nas localidades próximas contactando coa organización a través do teléfono 630 47 27 22. Nos vindeiros días tamén se poderán adquirir entradas na Casa do Concello.
O festival terá, ademais, unha vertente solidaria xa que recadará fondos para a asociación ASDENT e a causa do neno Hugo, diagnosticado coa enfermidade de Dent, unha doenza xenética que afecta á función dos riles. Destinarase a esta causa benéfica 0’50 céntimos de todas as entradas de día e tamén dos tíckets para o festival nocturno vendidos ata hoxe.
O “Fluvial Festival” está organizado por un grupo de veciños de Valga e arredores co apoio da axencia Versity e coa colaboración do Concello.