Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unha quincena de colectivos e entidades de Valga colaboraron no evento, organizado pola Concellería de Cultura e Amigos do Belén

- Asistiu a vicepresidenta da xunta provincial da AECC en Pontevedra, Alicia Sarmiento

festival11

Valga, 18 de decembro de 2017.

O festival benéfico celebrado na tarde de onte no Auditorio baixo a organización da Concellería de Cultura e a asociación Amigos do Belén conseguiu reunir 1.500 euros para a Asociación Española contra o Cancro. Algo máis da metade desta cantidade, 800 euros, correspondéronse cos donativos do público e a compra de rifas para o sorteo de agasallos, mentras que os cartos restantes foron aportados por algúns dos colectivos que colaboraron co evento.

Foron unha quincena as asociacións e entidades que se sumaron ao festival benéfico: a asociación cultural Palilleiras de Valga, a Coral Polifónica Santa Comba, asociación veciñal e cultural de Vilarello, As dúas en punto, as asociacións de pais e nais de alumnos dos colexios de Baño e Ferro Couselo e do IES de Valga, Heroes de Casaldeirigo, Mulleres Rurais “Albor”, asociación de palilleiras A Bella Otero e o colectivo xuvenil “A Eira”. Tamén colaboraron Andrés García (de Gama e Hijos), A Casa dos Nenos, a cafetería Auditorio.

O festival comezou con actividades lúdicas para os máis pequenos, dende maxia ata cancións, un concurso de baile e unha batalla de globos xigantes. Despois chegou o turno do teatro da man da Escola Municipal e dun grupo de veciños afeccionados á interpretación. Representaron “Os xubilados van ao McDonalds” e “Mala pata”. Para rematar, os membros da asociación Heroes de Casaldeirigo parodiaron o concurso televisivo “Tu cara me suena”, que convertiron en “Ti sónasme de carallo” e que contou con artistas como Camela, Raffaella Carra, King África e Boney M.

O evento contou coa presenza de Alicia Sarmiento, vicepresidenta da xunta provincial de Pontevedra da Asociación Española contra o Cancro, que agradeceu a celebración do festival  e a asistencia e colaboración dos veciños e asociacións de Valga. Os fondos reunidos onte “poden servir de moito”, destacou. A AECC axuda económicamente a enfermos de cancro e as súas familias e, ademais, destina o 15% de todo o recadado á investigación, que “é tanto ou máis importante que a atención aos enfermos”.

festival1 festival13 

 

Volver