- O CRA e os colexios de Baño e Cordeiro realizaron esta mañá as súas actividades de Carnaval
- Pola tarde, a comunidade educativa da Escola Infantil reunirase no Auditorio e a biblioteca de Cordeiro acolle un obradoiro de caretas
Valga, 21 de febreiro de 2020.
Os centros educativos de Valga viven hoxe unha xornada de celebración do Entroido na que os disfraces, desfiles e os doces típicos destas datas son os protagonistas.
O CEIP Baño-Xanza foi o encargado de inaugurar, pola mañá, as actividades lúdicas cun desfile polos arredores do colexio no que participaron o alumnado e o persoal docente. O percorrido tivo como punto de destino o pavillón municipal, onde protagonizaron actuacións.
A temática elixida polo centro para o seu festival foi a volta ao mundo, baixo o título “Valgueando polo mundo”. Os alumnos de Infantil vestiron disfraces de africanos; os de 1º de Primaria, de exipcios; os de 2º, de vikingos; e os de 3º luciron traxes de hippies. En 4º de Primaria disfrazáronse dos personaxes de Willy Fog e a súa volta ao mundo en 80 días; en 5º a temática foi Roma; e, por último, os estudantes de 6º disfrazáronse de agasallos e “souvenirs” de distintos países do mundo.
Centro Rural Agrupado (CRA) elixiu o Auditorio Municipal para celebrar o seu festival, no que se deron cita pais e familiares do alumnado. A temática da festa foron inventos e experimentos nas distintas épocas da humanidade. Os nenos de Chenlo convertéronse en homes da prehistoria, a escola de Campaña elixiu como tema Exipto, en Ferreirós voltaron á Antiga Grecia e os rapaces de Xanza fixeron unha viaxe ata a India. Por último, os alumnos da escola de Vilarello rememoraron a época do Renacemento e os do Forno, a era dixital.
Os nenos e os seus mestres presentaron os inventos máis salientables de cada unha destas épocas a través de varias actuacións, primeiro por separado e, para rematar, todos xuntos formando unha alianza de civilizacións. Despois, as familias participaron nunha degustación productos tradicionais das festas do Entroido.
O CEP Xesús Ferro Couselo de Cordeiro celebrou un “Entroido de Cine” cunha festa no patio do colexio á que tamén estiveron convidadas as familias dos alumnos. O cine infantil foi o fío condutor de todos os disfraces, representando as seguintes películas: Os Pitufos (1º e 2º de Primaria), Harry Potter (3º curso), Minnions (4º), Vengadores (5º de Primaria) e Shrek (6º). O festival contou con actuacións e bailes a cargo dos estudantes e, para rematar, unha merenda con doces típicos do Entroido aportados polas familias.
Esta tarde continuarán os actos educativos co festival da Escola Infantil Municipal, que terá lugar a partir das 16:30 horas no Auditorio.
Ademais, na biblioteca municipal de Cordeiro celébrase entre as 17:30 e as 18:30 horas un obradoiro de caretas para nenos, con entrada gratuíta.