Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O Concello tramita dous novos obradoiros de emprego, un para mozos e outro para adultos

- O plan provincial Revitaliza achegará a compostaxe e o tratamento de residuos orgánicos á veciñanza

Plenoextra Outubro19

Valga, 21 de febreiro de 2020.

O Pleno aprobou onte, na primeira sesión ordinaria do ano 2020, os proxectos de recuperación da antiga liña de vagonetas de transporte de arxila entre a Mina Mercedes e o Ulla e de creación dun embarcadoiro neste mesmo río. Trátase de dous proxectos complementarios e que teñen como obxectivo dar un pulo ao potencial turístico do municipio.

O proxecto das vagonetas aéreas está valorado en 3.995.525’60 euros e inclúe a construción do teleférico entre o río Ulla e a Mina Mercedes, cunha lonxitude aproximada de 1.100 metros, a urbanización das áreas próximas e a recuperación dos restos que se conservan da antiga liña de transporte de arxila, para os que se está tramitando a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

En canto ao embarcadoiro, o proxecto conta cun orzamento de 332.439’27 euros que será financiado integramente pola Xunta, a través da entidade Portos de Galicia. A nova infraestrutura contará cunha pasarela de 33 metros de lonxitude e 2’5 de ancho realizada en estrutura de aluminio. Desde esta accederase ao pantalán, unha plataforma flotante tamén de aluminio e que terá 24 metros de longo por 3 de ancho. Destinarase ao atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla para atraer, así, un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial.

Os dous proxectos foron aprobados cos votos favorables do grupo de goberno e a abstención de PSOE e En Marea.

Tamén en clave turística, o Pleno acordou, por unanimidade, solicitar á Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a declaración de Interese Turístico Nacional para o Belén Artesanal en Movemento. A memoria, que tamén se aprobou na sesión de onte, destaca que a afluencia de visitantes durante o último Nadal aproximouse aos 50.000 e que cada vez son máis as persoas procedentes de todas as comunidades de España e incluso do estranxeiro as que se achegan a Valga atraídos polo Belén. A composición xa está declarada dende 2013 de Interese Turístico de Galicia.

A orde do día incluíu tamén a solicitude á Caixa de Anticipos da Deputación de 74.736’43 euros para a adhesión do Concello de Valga ao plan provincial “Revitaliza”, para fomentar a compostaxe e mellorar o tratamento de residuos orgánicos. Este punto aprobouse cos votos a favor do goberno e a abstención da oposición.

Por outra parte, aprobáronse por unanimidade os proxectos de dous novos Obradoiros de Emprego que se solicitarán á Xunta conxuntamente co Concello de Moraña para favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas. Un deles diríxese a mozos e o outro a adultos e, entre os dous, superan os 400.000 euros de orzamento.

Por último, o Concello de Valga adheriuse ao Pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía, unha iniciativa da Comisión Europea fronte ao cambio climático e para a aplicación de boas prácticas en ámbitos coma a mellora da eficiencia enerxética ou a redución das emisións de CO2. Este punto contou tamén coa unanimidade de todos os grupos da Corporación.

No Pleno tomou posesión Marcos Magán Iglesias como concelleiro do grupo socialista.

Volver